O alcalde contrapuxo o modelo dos anteriores gobernos locais, que entendían as periferias urbanas como espazos de especulación, fronte ao da Marea Atlántica, de recuperación e posta en valor

Xulio Ferreiro visitou hoxe o barrio de Feáns, onde tivo unha reunión coa asociación veciñal e onde fixo repaso do realizado estes catro anos e tomou nota das demandas da cidadanía para os catro seguintes. Xulio (que estivo acompañado por María García e Iago Martínez, números 2 e 7 da nosa candidatura) defendeu o valor histórico e dos núcleos tradicionais da cidade, como Feáns.

“Os gobernos poden tratar de dúas formas aos núcleos rurais. Poden tratalos, como ocorreu até a chegada da Marea Atlántica, como simples zonas periféricas onde levar a cabo desenvolvementos urbanísticos desordenados ou, por contra, poden darlles o lugar que merecen. Estamos a falar de espazos que deben ser conservados e recuperados, potenciando os seus valores como lugares vivibles que, ademais, serven de pulmón e lugar de encontro de toda a cidade”, dixo.

“Iso foi o que levou a Marea Atlántica a poñer en marcha dende o goberno o proxecto do Bosque de Breogán, que xa iniciou os traballos previos para comezar a executarse en breve, que derivará na constitución dun espazo de máis de 80.000 metros cadrados adicado ás especies autóctonas”, sinalou o candidato, que tamén recordou o plan de recuperación de camiños tradicionais levado a cabo durante o mandato, que favorece non só a memoria do barrio, senón unha mobilidade segura.

“Neste momento, temos en marcha actuacións no Camiño do Vento e no da Aldea, pero xa as acometemos no Camiño do Correlo, no do Casal ou no de Campos”, recordou, para destacar tamén o plan integral de mellora dos cemiterios da cidade, que implica unha ampliación do situado en Feáns. “E imos seguir nesta liña o vindeiro mandato. Hai que continuar dignificando un barrio de veciños e veciñas que dan osíxeno e historia ao resto da cidade. Feáns ten moitos espazos de oportunidade, un dos máis salientables, o seu río”, indicou.