O alcalde solicitou ao resto de partidos, no almorzo coa Asociación da Prensa,  “que dean un paso á fronte, non se escondan tras presidentes e expliquen o seu modelo de cidade se é que o teñen”

O alcalde, Xulio Ferreiro, volveu evidenciar esta mañá que a Marea Atlántica é a única formación que concorre ás eleccións municipais do 26 de maio cun proxecto de cidade. Así mesmo, deixou patente que é o único candidato que está a falar coa xente da Coruña das necesidades da Coruña. “Estou moi ilusionado con esta campaña. A xente estanos dicindo moitas cousas nos mitins e é que somos as únicas que estamos baixando á rúa. Estamos tendo a oportunidade de explicarlle á xente, cara a cara, que cousas facemos e por que non se puideron chegar a facer outras cousas. Estamos deixando claro que temos un modelo de cidade”, comentou no marco un almorzo organizado pola Asociación da Prensa da Coruña. Nesa liña, o primeiro edil coruñés solicitou ao resto de candidatas e candidatos que dean un paso á fronte e expliquen que é o que propoñen para A Coruña e cal é o seu modelo, “se é que o teñen”.

“Non se pode basear unha campaña electoral en pegarse ao home do momento en España e tentar convencernos de que son outra cousa distinta ao que fixeron estes catro anos”, indicou. “Aquí se presenta quen se presenta. Pídolles que non se escondan e que falen da cidade e a súa proposta, se é a de máis Condes de Fenosa, máis Somesos, máis pagos excesivos a concesionarias”, explicou. “Na Coruña, en 2015, quen foi capaz de parar á dereita foi a Marea Atlántica. E así o seguimos facendo estes catro anos, porque, dende logo, nunca tivemos axuda do PSOE”, puxo de relevo. “Na estratexia da crispación e a mentira sobre o goberno da Coruña e a Marea Atlántica, o Partido Socialista da Coruña foi muleta do PP durante catro anos, e iso é incontestable”, explicou. “De catro orzamentos para a cidade, tres votounos co PP. Cando sometemos o mandato a unha cuestión de confianza, por responsabilidade coa veciñanza, tamén votaron co PP. Ese é o PSOE da Coruña, un partido que reclama o modelo de cidade dunha persoa, dun alcalde, que xa nin sequera segue no seu partido”, dixo.

“Isto é o que pasou estes catro anos na Coruña. O que farei os vindeiros catro é chegar a acordos para os temas clave da cidade con quen deberían ter sido os nosos aliados naturais: PSOE e BNG. Eu sei con quen deberiamos estar compartindo valores. Nunca me equivoquei estes anos sobre con quen se debía ou non construír un bloque de progreso. Lamentablemente, por moito que agora o negue, o PSOE coruñés estivo máis próximo ao PP”, censurou.

Porto da Coruña

Por outro lado, Xulio fíxose eco do ditame do Tribunal de Contas que denuncia que obras desenvolvidas no Porto Exterior comezaron antes de que a Autoridade Portuaria fixese a adxudicación das mesmas. “Creo que alguén debería saír a dar explicacións sobre este asunto. Así era como se manexaba esta cidade. Proxectos feitos antes de que se fallasen os concursos. Así era como se repartía esta cidade e ao que algúns nos queren facer volver”, dixo. “O próximo 26 de maio xogámonos volver ao pasado ou seguir cara ao futuro. O que pasou en 2004 co porto da Coruña, cando os que mandaban o pintaron e o repartiron, é un exemplo que pode volverse repetir se non o impedimos”, apuntou.

“Non podo aturar ver como o goberno de España se compromete a levantarlle á débeda ao porto de Valencia, pero non hai nin unha soa palabra ao respecto do da Coruña, sobre o Porto e sobre a conexión con Langosteira. Non entendo, igualmente, que o PSOE coruñés non lle esixa compromisos”, opinou.

“Creo que, nesta campaña, PP e PSOE teñen moito que explicar. Eu, o que pido é que falen do que lle interesa á cidadanía, que é A Coruña. Pero a realidade é que non teñen proxecto nin modelo. Só así se entende que o seu programa teña propostas calcadas ás que a Marea leva catro anos promovendo e poñendo en práctica”.

Modelo de Cidade

O alcalde explicou tamén ante a prensa cal é o modelo de cidade que a Marea Atlántica está a construír e que culminará no vindeiro mandato. “Hoxe podemos dicir que nos situamos, paso a paso, grazas ao talento da nosa xente, na vangarda do investimento social, das políticas de benestar, da implantación da mobilidade sostible e a protección do medio ambiente, da innovación democrática e da reconquista dos bens comúns. Catro anos nos que puxemos as bases para un novo modelo de cidade que afronta agora, en tres semanas, a súa fase de consolidación. Escollemos entre avanzar e retroceder”, dixo o rexedor, que enumerou os 10 retos sobre, aos que o seu xuízo, enfróntase á cidade da Coruña.

“Son os 10 retos sobre os que construímos o noso programa: vocación de liderado,  mobilidade sostible, cambio climático, innovación, igualdade de xénero, xustiza social, coidados, cooperación, dereito á cidade e proximidade”, salientou.

Con respecto á vocación de liderado, o alcalde insistiu en que A Coruña é a cabeceira dunha cidade de case medio millón de habitantes, cuxo rumbo ten que ser conxunto. “Por iso levaremos ao Parlamento de Galicia, como sexa, un proxecto de lei para que se constitúa dunha vez a Área Metropolitana que o noso futuro esixe. Sentaremos á Xunta e ao Estado nunha Mesa Permanente de Cooperación, que impulsaremos para ter comunicación constante con todas as administracións implicadas nos grandes proxectos de cidade. Precisamos unha nova avenida de Alfonso Molina, unha estación intermodal, unha ampliación do hospital, unha conexión ferroviaria en Punta Langosteira. Proxectos clave que non poden concretarse sen a colaboración do resto das administracións”, indicou. Neste punto salientou a aposta pola innovación, centrada no proxecto da Cidade das TIC. “Na alianza coa universidade e os axentes máis innovadores da nosa economía está o futuro do emprego na Coruña e a resposta á indiferenza coa que algúns asisten ao desmantelamento da nosa industria e á destrución de centos de postos de traballo”, dixo.

No ámbito da mobilidade, Ferreiro insistiu no avanzado nestes últimos catro anos coa Marea Atlántica coa que, entre outras cuestións, se conseguiu unha rebaixa no prezo do billete do transporte público urbano, así como a gratuidade para os e as menores de 13 anos. “Mentres tanto, no máis duro da crise, primeiro o PSOE e logo o PP incrementaron o billete un 33%”, indicou. “As baixadas de prezo deste mandato no transporte urbano terán continuidade no vindeiro: volveremos baixar o billete, con prezos reducidos para menores de 26 anos, maiores de 65 e persoas con mobilidade reducida. Ademais, reorganizaremos a rede do autobús urbano, con máis frecuencias, novas liñas, perspectiva metropolitana e mellores conexións para os barrios peor tratados e os lugares aos que temos que ir aínda que ás veces non queiramos: o aeroporto, os polígonos onde traballan miles de veciños e veciñas e os hospitais e centros médicos”, manifestou. Con respecto ao carril bici, Ferreiro salientou que os 35 quilómetros actuais pasarán a 60 no vindeiro mandato no que, ademais, se renovará o parque de BiciCoruña e se introducirá a bici eléctrica. “E aínda que as prioridades sexan os peóns, as bicicletas e os transportes públicos, tamén pensamos en quen non ten máis remedio que coller o coche ou a moto cada día. Por iso comezamos xa o rescate de cinco aparcadoiros subterráneos para xestionalos directamente dende o Concello e poder mellorar o seu servizo e implantar tarifas razoables. Aparcadoiros que, directamente, non estaban pagando ao Concello nin tan sequera o seu canon anual e aos que o resto de formacións non lles reclamaran nada”, explicou. “Hai quen os mete nos seus programas electorais, pero a Marea Atlántica xa o está facendo”, engadiu.

A aposta pola Xustiza Social tamén continuará no vindeiro mandato, coa ampliación da Renda Social Municipal para desvinculala doutras obrigas asociadas e o aumento do orzamento destinado para as políticas sociais nun 20%, ampliando o dereito á gratuidade e ás bonificacións en servizos básicos como o saneamento e o lixo, así como implantando un mínimo vital garantido na auga.

Servizo de Axuda no Fogar, sen espera

“No que atinxe ao ámbito do coidados, no próximo mandato imos eliminar a lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar, e o imos facer cun incremento de 2 millóns de euros de orzamento para outorgar o servizo a 400 veciñas máis”, especificou tamén o alcalde, que destacou, neste mesmo apartado, a gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos, así como a construción de dúas novas escolas infantís, unha delas, combinada cun centro de día para maiores. Neste ámbito tamén destaca a aposta polo dereito da cidadanía a unha vivenda digna. O parque de vivenda municipal ampliarase ate un 20% e se porá en marcha un Banco de Vivendas de Alugueiro, para favorecer o acceso dos colectivos con máis dificultades.

O programa de goberno da Marea Atlántica tamén reserva un apartado especial para as políticas de Igualdade e a loita contra a violencia machista. Os recursos municipais incrementaranse e, ademais, porase en marcha a Casa das Mulleres Marcela e Elisa, que será sede da Escola de Empoderamento Feminista, e albergará servizos do Centro de Información á Muller (CIM) e o Espazo Diverso LGTBQI.

“Tamén melloraremos o servizo de atención telefónica á cidadanía do 010 e crearemos tres xanelas únicas, tres grandes centros de Atención Integral á Cidadanía para garantir a descentralización nos tres barrios máis poboados da Coruña. Serán no Ágora, en María Pita e no novo edificio administrativo da Antiga Fábrica de Tabacos”, indicou. “E haberá novos equipamentos alá onde se precisen, froito dun traballo amplo. Rehabilitaremos os mercados de Santa Lucía, de Durmideiras e de Monte Alto. Poremos en marcha o equipamento das Naves do Metrosidero. Remataremos de urbanizar o Ofimático, que terá un pavillón polideportivo, o antigo edificio do Remanso pasará a ser un espazo veciñal…”, recordou.

Mitin no Castrillón

Por outro lado, Xulio participará esta tarde, ás 20 horas, nun encontro coa veciñanza do barrio do Castrillón, no que tamén intervirán o actual concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, a edil de Medio Ambiente e número dous da lista, María García, e a voceira da Marea Atlántica, Sabela Pérez. Ferreiro fará repaso dalgunhas das actuacións levadas a cabo no barrio e no seu entorno nos últimos catro anos, entre as que enumerou a pavimentación da rolda de Outeiro, a renovación das rúas Monte das Moas, Montiño e a intersección das rúas Castrillón e Antonio Ríos. “Ao pé do parque de Oza incorporamos un carril bici de subida ao barrio e modificamos o deseño do paso de peóns para recuperar a  continuidade entre as rúas Mercé e José González Chas. E tamén, pola vertente oposta do parque, completamos a beirarrúa no Camiño da Igrexa”, repasou Ferreiro. O Castrillón conta tamén, dende o pasado ano, cunha nova estación de Bicicoruña xunto ao centro cívico e un parque biosaudable, froito das demandas cidadás dos Orzamentos Participativos. “Coa a infancia e a mocidade do barrio na cabeza, melloramos a área de xogos infantís para propiciar a integración interxeracional no barrio e abrimos o patio do CEIP Fernández Latorre nas tardes das fins de semana para aproveitar esta infraestrutura e reforzar as opcións de lecer e tamén de conciliación no barrio”, rematou.

Entre os novos proxectos e dotacións cos que contará O Castrillón nos vindeiros anos, Xulio remarcou o compromiso da Marea Atlántica coa conclusión da instalación pública do barrio, que se abrirá, por fin, á veciñanza. “Este barrio leva dúas décadas, desde a época de Paco Vázquez, esperando polo seu polideportivo. Ningún dos gobernos sucesivos, nin do PSOE nin do PP, foron quen de satisfacer o desexo dunha veciñanza que quería ser tratada igual que noutros barrios. É máis, a intención do PP era, como en Matogrande, implantar unha instalación deportiva de xestión privada. O centro deportivo que deseñamos neste mandato é público, atende as necesidades da veciñanza e ten listo xa o proxecto de obra. A pesares do bloqueo do PP e do PSOE nos orzamentos municipais deste ano, contamos cun presuposto de 2,5 millóns de euros para levalo a cabo”, remarcou Ferreiro. O polideportivo incluirá unha piscina de 25 metros de longo, pista deportiva con bancada, área termal, espazos para actividades dirixidas e unha sala de adestramento libre. Ademais, o cabeza de lista da Marea Atlántica explicou que se reurbanizará o espazo interior da  mazá aberta á rúa José María Hernansáez, para crear unha nova praza que sirva para o lecer e o encontro da veciñanza. “Tamén humanizaremos a rúa Rafael Bárez, facendo accesibles as súas beirarrúas, e remodelaremos a praza da Concordia coa implantación dunha nova área de xogos infantil: porque queremos que as nenas e nenos volvan xogar nas rúas da Coruña”, rematou.