O alcalde e candidato á reelección reuniuse hoxe co comité de empresa de Alcoa e demandou “medidas reais para garantir os postos de traballo” na fábrica de aluminios

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, reclamou “un goberno valente e decidido no apoio ao emprego industrial”

O alcalde da Coruña e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, mantivo hoxe un encontro con representantes do comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, no que estivo acompañado por Alberto Lema, Isabel Faraldo e Susana Soneira, números 5, 8 e 9 da lista electoral da Marea Atlántica. Ao comezo, censurou a marcha atrás na aprobación do Estatuto para a Industria Electrointensiva, que finalmente non será aprobado antes das eleccións xerais: “Esixímoslle á Xunta e ao Estado que tomen en serio a situación de Alcoa na Coruña e adopten medidas para garantir os postos de traballo”.

“É unha moi mala nova. O cadro de persoal da fábrica de aluminios da Coruña tiña esperanzas en que o estatuto electrointensivo fose un paso adiante para atopar investimento e manter a planta en funcionamento, pero onte todos nos deitamos coa decepción. Non se cumpriron os compromisos”, lamentou o alcalde.

Xulio Ferreiro sinalou tamén a inacción da Xunta de Galicia e reclamou que “todas as administracións remen na mesma dirección, a da defensa do emprego industrial. Os traballadores e traballadoras terán todo o apoio do Concello da Coruña mentres eu sexa alcalde”.

Da súa banda, o presidente do Comité de Empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, asegurou que “é unha mágoa que cando hai empresas interesadas e con proxecto para as fábricas da Coruña e Avilés, sexa o goberno do Estado o que poña problemas ao non aprobar o Estatuto da Industria Electrointensiva, o mesmo que Pedro Sánchez dixo que sairía adiante sen problemas”. O representante sindical salientou que “non queremos máis compromisos, queremos solucións, queremos que nos deixen demostrar que somos mellores facendo aluminio e podemos ter unha fábrica competitiva”.

Nesta liña, Corbacho reclamou un goberno “valente e capaz de amosar apoio ao tecido industrial, en lugar de quedar paralizado por un informe da Comisión Nacional da Competencia que nin sequera é vinculante”.

A Coruña, líder en creación de emprego en Galicia

A preguntas da prensa, Xulio Ferreiro valorou o informe feito público onte pola Organización de Consumidores e Usuarios, que sinala un descenso na percepción cidadá sobre a limpeza na Coruña: “Cando levamos catro anos cunha campaña durísima contra a imaxe da nosa cidade é normal que a percepción empeore”. Pero o alcalde lembrou que “onte se publicou outra enquisa á que non se lle deu tanta relevancia, a Enquisa de Poboación Activa, que amosa que A Coruña crea emprego mentres o paro aumenta en Galicia e España”.

“Hoxe hai na Coruña 10.000 persoas máis con traballo que hai cinco anos. Esta é unha cidade marabillosa, líder en creación de emprego, en xestión cultural, en innovación democrática, en iniciativas ambientais… E estou un pouco farto de que se amplifiquen os elementos negativos e se silencien os moitísimos datos que son positivos”, afirmou Xulio Ferreiro.

Referiuse, ademais, a que os datos do informe da OCU son relativos ao anterior contrato de limpeza, “que ten carencias recoñecidas e que se mellorará co novo contrato que o Concello actualizará nuns meses, a pesar dos atrancos. Porá ao día o servizo, con camións máis pequenos e silenciosos, mellor atención aos barrios, consolidará a limpeza con auga que nunca antes se fixera nos barrios desta cidade e garantirá a continuidade e calidade do emprego”.