Dicían que a Marea Atlántica non sabía xestionar, que a xente común non podía gobernar un concello como o da Coruña. Non nos querían alí e tentaron demostrar que non eramos capaces. A realidade é teimuda. Nos últimos catro anos, María Pita contou cunha xestión máis eficaz e, sobre todo, máis xusta. Unha xestión limpa e transparente que deixa atrás, por fin, a sombra da Pokémon e o endebedamento sen xeito. Abríronse as portas e as ventás e entrou a luz no pazo.

Coa nova xestión, a Marea Atlántica logrou mellorar a saúde financeira do Concello: a débeda viva municipal herdada do goberno do PP reduciuse á metade. A crise foi a escusa para os recortes e as renuncias aos dereitos sociais, pero os poderes de sempre, os que presumen de boa xestión, tampouco tiveron problema en endebedar ao Concello e deixar unha pesada lousa para os gobernos seguintes e para a cidadanía da Coruña. O goberno da Marea abordou ambas as dúas problemáticas. Por unha banda, reverteu as receitas da austeridade que exclúe ás maiorías e pola outra, cunha xestión eficaz, reduciu a débeda cada ano de goberno. Devolvémoslle a liquidez ás arcas municipais que, á nosa chegada, tiñan que asumir ademais enormes intereses por créditos pasados, así como afrontar as facturas de caixón: outros 2,5 millóns. O Goberno local logrou reverter a situación e, co refinanciamento da débeda, logrou un aforro de máis de 2 millóns de euros no pago de intereses no seu primeiro ano de mandato.

Unha xestión transparente e xusta

Un dos cambios máis importantes que chegaron coa Marea Atlántica foi a total transparencia da xestión, contas e contratos municipais. Acabáronse os anos de xestión opaca que non rende contas coa cidadanía, remataron por fin os contratos escuros para ser dados a dedo, con cláusulas contrarias á veciñanza que só tiñan interese por satisfacer os petos das mesmas empresas de sempre.

A xestión debe ser eficaz, pero tamén debe ser xusta e contribuír ao tecido económico da cidade. Debe ser unha ferramenta para mellorar a vida da cidadanía. Nestes catro anos introducíronse cláusulas sociais na contratación pública que fomentan a integración, a igualdade e a promoción dos dereitos sociais para que as empresas que traballen co Concello teñan políticas de responsabilidade social corporativa, para que a racionalidade económica non funcione en contra dos dereitos das persoas traballadoras.

A Coruña é hoxe unha cidade máis xusta, onde paga máis quen máis ten grazas a unhas novas ordenanzas fiscais baseadas nun principio redistributivo, que aproveitan ao máximo as estreitas marxes que a normativa estatal lles deixa aos municipios. Baixou o IBI ás familias numerosas, ata o máximo que permite a lexislación e introducindo criterios de renda por tramos, e baixou tamén o imposto de construción para vivendas protexidas. Por contra, incrementamos o gravame de circulación para os coches máis grandes e contaminantes.

As taxas de servizos básicos como a da auga e o lixo tamén baixaron: agora aplícanse reducións en función da renda familiar e incluso se acadou a gratuidade para as persoas beneficiarias de prestacións como a Risga. Ademais, neste mandato púxose en marcha un plan de pago personalizado de impostos para poder abonar os tributos municipais ata en seis prazos e con bonificacións do 3% para IBI e vehículos. Eses plans de fraccionamento tamén se ampliaron ao pago de débedas en vía executiva, con plans especiais de pago as persoas con situacións económicas difíciles.

E seguiremos adiante con medidas fiscais baseadas na progresividade, para que aporte máis quen máis ten. Farémolo con medidas como as que puxemos en marcha nas últimas ordenanzas fiscais, que implican que as familias en situación de vulnerabilidade sexan obxecto de bonificacións no caso da taxa da auga, que poden chegar ao 75%, ademais doutras accións impulsadas para mellorar a situación dos e das consumidoras domésticas.

Pola xeración empresarial e o emprego

Un goberno municipal ten que ser responsable do emprego que xeran os seus contratos, e este ten que ser de calidade, xusto e digno. Máis alá das cláusulas sociais recollidas nos novos contratos públicos, o Concello actuou como mediador en conflitos laborais, chegando tamén a penalizar ás adxudicatarias municipais cando non cumpriron as súas obrigas, como é o caso dos servizos de xestión da rede semafórica ou de atención a domicilio.

As pequenas e medianas empresas e as persoas emprendedoras son un dos grandes motores da nosa cidade e para favorecer o seu desenvolvemento modificáronse diferentes ordenanzas fiscais:

  • Tarifa de cota cero aos traspasos, cesións ou transmisións de titularidade sempre que non se mude a actividade.
  • Aplicación dun coeficiente redutor do 25% aos establecementos con superficie inferior aos 150 metros cadrados.
  • Rebaixas do IAE ás empresas máis afastadas do centro urbano.

O Concello xa non está intervido

A Marea Atlántica logrou cancelar o Plan de Axuste de Montoro no que nos meteu o PP coa súa xestión ineficaz. Xa en 2017, o goberno local foi quen de amortizar de forma anticipada o pago do crédito solicitado en 2012 polo anterior executivo e, hoxe, A Coruña ten maior capacidade para decidir como xestiona os orzamentos municipais e para investir nas accións que melloran a vida da xente

Fondos europeos para a mellora de calidade urbana, a innovación e o emprego

Nunca antes a cidade fora quen de captar tantos fondos europeos para desenvolver proxectos como nos últimos catro anos. As propostas presentadas aos distintos programas da Unión Europea foron apoiadas con preto de 25 millóns de euros neste mandato, un recoñecemento ás políticas innovadoras deste goberno.

O goberno de Xulio Ferreiro logrou captar 15 millóns de euros para desenvolver a estratexia EidusCoruña, que se materializará en intervencións no espazo público que mellorarán a vida da veciñanza; 4,4 millóns para desenvolver políticas de emprego centradas nos colectivos e os barrios con máis dificultades; 4 millóns para instalar sistemas intelixentes en 213 edificios públicos da cidade, o que mellorará a súa eficiencia ambiental; 320.000 euros para o proxecto Connecting Nature, de naturalización urbana, e 200.000 euros para o fomento das industrias culturais e creativas da cidade.