A xente de Coruña é xente de palabra. Somos xente de palabra. Cando nos presentamos hai catro anos ás eleccións municipais fixémolo coa vontade de asinar un contrato coa cidadanía. Un contrato transparente e realista, unha oferta de confianza e honestidade nun contexto de enorme mobilización social e de descrédito dunhas institucións saqueadas antes e agora pola corrupción, imparable, do Partido Popular. Asumimos daquela 124 compromisos, 25 de urxencia e 99 para o mandato completo. Compromisos de verdade, non soamente simbólicos, que aínda hoxe calquera pode consultar en internet. E é xusto que agora, andado o tempo, revisemos o grao de cumprimento de todo aquilo que prometemos. Cara a cara.

Adianto que estou moderadamente satisfeito co resultado. Despois de anos e anos de ver pasar gobernos que apenas sacaban adiante unha décima parte do seu programa sen avergonzarse nin dar explicacións, algo que chegou a parecernos natural, coma se non tivésemos dereito a unha democracia mellor, o primeiro equipo da Marea Atlántica cumpriu o 70% das súas promesas e resolveu parcialmente outro 25%. A conta é doada: quedounos o 5% sen facer. Houbo espazos aos que non puidemos chegar, outros aos que non nos deixaron. Ese 5% representa persoas ás que quizas fallamos, pero polas que, tende por seguro, imos seguir pelexando.

Aquí tes un documento completo, un balance de todas as cousas que mudaron na Coruña. Que mudamos, ao teu carón, porque para que haxa cambio hai que crer nel. Unha sorte de xornal que recorda todas ‘as primeiras veces’ que vivimos estes catro anos. A primeira vez que o transporte público baixou as súas tarifas. A primeira vez que expulsamos o fascismo do rueiro. A primeira vez que nos propuxemos unhas festas sen violencias machistas. A primeira vez que A Coruña deixou de emitir vertidos incontrolados. A primeira vez que a veciñanza puido entrar no Ofimático. A primeira vez que concedemos unha Renda Social Municipal, prestación pensada para devolver a autonomía a quen peor o está a pasar…

Somos xente de palabra. Aquí tes, listo para descargar, as pegadas dun cambio que houbo que tratou de silenciar. As pegadas dun cambio ao que aínda lle queda camiño por percorrer. Non dubido que chegaremos á meta. Farémolo contigo.