A mocidade ten moito que dicir nas decisións que lle atinxen, ten dereito a expresar a súa opinión, a ser escoitada, a demostrar o seu talento e gozar das condicións necesarias para desenvolvelo. E a cidade precisa da súa creatividade, da súa mirada, da súa perspectiva, da súa fame de futuro.

Co goberno da Marea Atlántica, a mocidade é axente activo nas políticas públicas que lle afectan. Con esta vontade púxose en marcha o primeiro Participadoiro, un proceso impulsado polo Concello no que a xente moza axudou a definir novas polítias públicas. Con este obxectivo mellorouse tamén o programa Nocturnia, que fomenta un ocio saudable e alternativo entre as nosas veciñas máis novas, incrementando o número de prazas e de actividades, e descentralizandose nos barrios, a comezar por Novo Mesoiro, Os Rosales e a Cidade Vella. Tamén incorporou unha nova revista dirixida a este público: Coruña Mutante.

Na área de Emprego, o Concello impulsou un Plan Municipal de Emprego Xuvenil, dotado de 1,4 millóns de euros para os próximos tres anos, e puxo en marcha o Espazo de Emprego Xove, baseado en formación innovadora e novas tecnoloxías. Nestes anos tamén se ampliaron os fondos para os Locais de Ensaio. Hoxe están dotados con toda a infraestrutura necesaria para os grupos da cidade: espazos abertos para tocar, estudio de gravación, un departamento de deseño gráfico e audiovisual para definir a súa imaxe e eventos onde mostrar o seu traballo en directo.

O primeiro equipamento especializado

A xente nova da cidade nunca dispuxo, ata a data, dun espazo na cidade dedicado especificamente ás súas necesidades, con oco para a actividade deportiva, artística ou cultural, pero tamén para a experimentación e para o encontro. Ese espazo será o das Naves do Metrosidero, un proxecto do Concello para dotar As Atochas dun equipamento que poida atender as necesidades dos mozos e das mozas, así como dos centros de ensino da cidade, e ademais configurarse como un novo parque público aberto á cidade, e en especial á veciñanza da Cidade Vella e arredores. Tanto o deseño dos usos do novo recinto (cuxa construción está moi avanzada) como o modelo para xestionalo, son froito dun proceso participativo.

En 2020, as Naves serán o primeiro espazo municipal centrado na mocidade, con instalacións para skate, parkour, deportes urbanos, charlas, obradoiros, ou simplemente para estar. Por primeira vez na Coruña a mocidade terá o seu propio espazo, onde os contidos os xerarán as persoas usuarias, co acompañamento do Concello.

Programas sociais en barrios e centros escolares

A incorporación da mocidade ás políticas municipais precisaba tamén dunha visión descentralizada e accións concretas en barrios e centros escolares:

  • Mocidade SF: proxecto para a dinamización da xente moza na Sagrada Familia, que contou cunha grande acollida no barrio. A iniciativa pretende converter os veciños e as veciñas máis novas en protagonistas da xestión dun espazo para lecer, para o encontro, a aprendizaxe e a interacción con outros grupos.
  • Programa de Educación na Rúa: proxecto comunitario para a prevención de condutas de risco entre a xuventude en Labañou, Monelos, Elviña, María Pita e Cidade Vella.
  • Programa de Ocio Saudable: desenvólvese durante o verán nos centros cívicos e está dirixido especificamente á mocidade.
  • “Non pases por un mal trago”: impulsado polo Concello en colaboración coa entidade social sen ánimo de lucro Adafad (Asociación de Axuda a Fa-miliares de Drogopendentes) co obxectivo de educar, formar e facer reflexionar a menores que foron sancionados por consumo de alcol na rúa, a través da substitución das sancións por cursos educativos. A el únense os talleres municipais para a prevención das drogodependencias nos centros escolares, coa participación de máis de 7.000 alumnas e alumnos.
  • Tarde Xove no COF (Centro de Orientación Fami-liar): programa recuperado polo Concello despois de que o Sergas o retirase no ano 2009. Obradoiros educativos para a mocidade, con temáticas como a relación entre sexo e sexualidade, a diversidade sexual e as identidades de xénero, o pracer e o desexo.