O alcalde lembra que o vindeiro domingo a cidadanía debe escoller entre “concentrar o voto na Marea ou engordar a saca do PP e dos seus aliados, o PSOE, co que pactaron estes últimos catro anos”

Mañá, venres 24 de maio, último día de campaña, a Marea Atlántica celebrará o seu peche cun acto aberto á veciñanza no Campo da Leña que comezará ás 20.00 horas. Agás en caso de choiva, que se trasladará ao CEIP Curros Enríquez, lugar reservado e concedido pola Xunta Electoral dende o pasado 3 de maio. Non obstante, ao longo de todo o día, e do mesmo xeito que fixo hai catro anos, levará a cabo un roteiro por todos os barrios da cidade, barrios que dende hai catro anos camiñan cara á igualdade e a xustiza social. A marcha arrincará ás nove da mañá nos Rosais, na rúa Rodríguez Castelao, para pasar logo pola praza da Tolerancia e a praza das Conchiñas. Ás 11.30 horas, farase unha parada nos xulgados da Coruña, na sede da rúa Capitán Juan Varela, lugar onde a concelleira e candidata da Marea Atlántica Claudia Delso declarará ante a xuíza no marco da investigación aberta por unha denuncia do PP baseada na difamación e que trata de facer crer que houbo prevaricación no concurso polo que se adxudicou a xestión de usos do antigo cárcere da Coruña a unha entidade sen ánimo de lucro. Despois de arroupar a Claudia ante o enésimo intento do Partido Popular de querer gañar mediante mentiras o que que non consegue nas urnas, o percorrido continuará cara a praza de Pablo Iglesias e logo Matogrande.

O roteiro continuará pola tarde, dende Matogrande a estación de tren e logo á praza de Tabacos, para finalmente pasar polo parque de San Pablo, renovado durante este mandato, a praza de Pontevedra e a de Lugo.

26M: voto útil para A Coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou este xoves a Marea Atlántica como “o único voto útil o vindeiro 26 de maio para formar unha maioría de progreso valente e coas idea claras”. “Este domingo cada voto conta, non hai voto indiferente. Só hai dúas alternativas, concentrar o voto na Marea ou engordar a saca do PP e dos seus aliados para que esta cidade volva atrás, á corrupción e ao pelotazo”, dixo, á vez que recordou a pinza que durante o último mandato protagonizaron en numerosas ocasións o PP e o PSOE da Coruña, que votaron xuntos a paralización dos orzamentos municipais en tres de catro ocasións. “A realidade é que vexo á candidata do Partido Popular disposta a todo con tal de recuperar o poder. Disposta a ocultar as siglas do seu partido, a valerse dunha denuncia falsa para poñer a unha persoa inocente diante dunha xuíza. Disposta a mentir, coa inestimable colaboración dos de sempre. A recoñecer que fixemos as cousas ben, a reivindicar a renda social que tanto criticaron e o carril bici que non coñecen. E polo que lemos hoxe na prensa, disposta a pactar co PSOE da Coruña para botarnos do goberno. A pactar outros catro anos, claro, porque novo, o que se di novo, nesta cidade, o pacto non é”, apuntou.

A este respecto, o primeiro edil solicitou ao PSOE coruñés que aclare se vai apoiar a PP e Ciudadanos, “como querían algúns no PSOE da Coruña na investidura de Mariano Rajoy”, ou se, desta vez, si van apoiar o goberno da Marea”. “Como alcalde, o que quero saber é se podo contar co PSOE da Coruña a partir do 26 de maio; saber se podo contar co PSOE da Coruña para impulsar a área metropolitana, para recuperar os terreos do porto, para facer gratuítas as escolas infantís, para remunicipalizar as bibliotecas e os aparcadoiros”, advertiu, para evidenciar que é complicado saber a proposta que están ofrecendo á cidadanía, xa que levan unha campaña “de perfil”. “A xente non sabe moi ben a quen presentan esta vez os do Conde de Fenosa”, manifestou.

“Vexo aos dirixentes do BNG moi decepcionados coa Marea Atlántica e moi ilusionados co PSOE. É curioso, porque despois cando lles preguntas por que subían o prezo do bus nos peores anos da crise, din que non podían facer outra cousa porque gobernaban co PSOE. Cando lles preguntas por que non sacaron aos fascistas do rueiro, din que non podían porque gobernaban co PSOE. Cando lles preguntas por que mantiñan a rúa Mellid e a rúa Arteijo, din que non podían porque gobernaban co PSOE. Agora ben, cando lles preguntan por que financian as touradas en Pontevedra ou por que privatizan a auga en Pontevedra, entón non teñen nada que dicir”, reflexionou.

Mitins no Birloque e Novo Mesoiro

Por outro lado, esta tarde está previsto que o alcalde protagonice senllos mitins no local veciñal do Birloque e no centro cívico de Novo Mesoiro, onde dará conta das actuacións realizadas estes anos e as que se prevé acometer no vindeiro mandato.

No Birloque, a Marea prevé mellorar o trazado do carril bici entre a avenida de Glasgow e o Campus de Elviña para favorecer a seguridade dos e das usuarias. Tamén se instalará unha nova estación de BiciCoruña na zona e se renovará a área de xogos infantís da rúa Félix Acevedo, unha demanda da veciñanza da zona recollida no programa de Orzamentos Participativos. As melloras das rúas Casares Quiroga e Díaz Pardo coa reurbanización das prazas Escultor Mon Vasco, Pintor Manuel Colmeiro e Pintor Laxeiro. Seguirase a traballar na mellora das conexións peonís do barrio do Birloque con San Cristovo das Viñas e o polígono de Agrela e calmaremos o tráfico na recta da DP-0512, na rúa Birloque. “Tamén está prevista a creación dun acceso peonil ao polígono de Pocomaco”, apunta o primeiro edil.

No caso de Novo Mesoiro, durante o vindeiro mandato, o goberno da Marea Atlántica continuará mellorando servizos e equipamentos nun dos barrios “de máis futuro da cidade”. Deste modo, está previsto mellorar as áreas de xogo infantil no barrio, cubrindo ademais unha das mesmas, para favorecer un espazo de xogo tamén en días de choiva. O parque principal do barrio contará ademais cunha nova área de xogos enfocada para a mocidade. Tamén se levará a cabo un arduo traballo de recuperación patrimonial coa restauración e dignificación dos ríos, fontes, lavadoiros e estanques da contorna, empezando polo Monelos, ao seu paso por Val de Feáns, e o río Mesoiro. A naturalización continuará coa plantación de máis árbores e coa apertura do Bosque de Breogán que, situado en Feáns, aportará á cidadanía un espazo de esparexemento de 83.000 metros cadrados.

As actuacións previstas nas zonas máis rurais do barrio pasarán por continuar coa reurbanización dos camiños e espazos comúns, favorecendo as sendas peonís. Xulio destaca que, ademais, un dos retos máis importantes de Novo Mesoiro pasa por mellorar as súas comunicacións, “cousa que se vai facer co novo mapa de liñas de bus que implantaremos de contado no transporte urbano e que pasa por mellorar as frecuencias e as liñas con barrios máis afastados, así como incrementar as conexións de todos os barrios cos centros médicos e hospitais, cos polígonos e cos accesos á cidade, fomentando a intermodalidade”.