O alcalde almorzou coa veciñanza das cooperativas que puideron entrar a vivir no barrio co goberno da Marea Atlántica. “O resto de partidos no poder estiveron máis preocupados polos grandes promotores que polos veciños e as veciñas”, dixo

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, estivo esta mañá no Ofimático, onde mantivo un encontro con veciños e veciñas, cooperativistas aos que o goberno da Marea Atlántica conseguiu outorgar as licenzas de primeira ocupación, permitindo que entrasen nas súas vivendas. O rexedor, que fixo balance de todas as actuacións postas en marcha neste mandato para posibilitar que o Ofimático se convertese nun barrio máis da cidade, deu conta das medidas que o goberno da Marea Atlántica porá en marcha nos próximos catro anos para continuar dotando a esta parte da cidade dos equipamentos e as comunicacións que permitirán a súa total inclusión. “Foi o goberno da Marea Atlántica o que logrou, despois dun conflito que levaba máis de 20 anos enquistado, posibilitar que as primeiras familias entrasen no Ofimático. Agora toca seguir adiante, porque o Concello debe saldar unha gran débeda histórica con esta parte da cidadanía que, cremos, debería recibir as desculpas do resto das formacións que nunca apostaron por darlles unha solución, xa que estaban máis ocupadas defendendo os intereses dos grandes promotores”, apuntou.

“O que temos por diante é facer que este barrio da cidade sexa igual que calquera outro. Por iso, en primeiro lugar, remataremos as obras de urbanización que restan por acometer no polígono, dotarémolo de equipamentos básicos e constituiremos as conexións entre o Ofimático e Matogrande, o que vai mellorar de xeito sensible a súa comunicación”, dixo Xulio, que, ademais, fixo fincapé en que “todo isto se levará a cabo sen pisar os dereitos de ninguén, especialmente, os dos veciños e veciñas do núcleo de Elviña, que son outras das persoas que sufriron de forma tremenda a xestión que os anteriores gobernos municipais fixeron con esta promoción urbanística”. As obras de urbanización que restan por acometer na parte residencial da marxe esquerda de Lavedra teñen xa cumprido o trámite de aprobación inicial. O proxecto, que ronda os 14 millóns de euros, comprende, ademais das conexións con Matogrande, a creación de infraestruturas de contención coa vía férrea de ADIF, o remate dos viarios que quedan por acometer dentro do polígono, unha rede de carril bici e unha praza central para o goce da veciñanza. Esta contará con tres espazos diferenciados, entre unha zona branda con arborado, unha explanada na que se celebren eventos e unha área infantil para distintas idades, ademais dunha pérgola.

“Non obstante, non podemos quedar aí. Non podemos facer que este barrio, igual que outros de recente creación, naza con carencias. Por iso, unha das dúas novas escolas infantís que poremos en marcha, con ensino totalmente gratuíto dende 2020, vai estar aquí, no Ofimático, que é un barrio de futuro no que moitos veciños e moitas veciñas teñen que medrar”, dixo o alcalde, que tamén adiantou a creación de novos equipamentos deportivos. “O Ofimático contará cun novo pavillón polideportivo, e ademais, preto, no ámbito de Monte Mero, habilitaremos un campo de rugby, deporte que está a gañar moitos e moitas afeccionadas e usuarias”, dixo.

“Debemos facer que o Ofimático sexa un verdadeiro lugar de futuro. Vai ser un dos espazos da cidade, xunto con Marqués de Pontejos, onde imos poñer en marcha vivendas de aluguer social que servirán para intervir os prezos do mercado de aluguer”, avanzou o primeiro edil, que recordou que esta actuación forma parte do acordo de mediación ao que o goberno da Marea Atlántica chegou para evitar o derrubo do edificio Conde de Fenosa, por mor dunha licenza ilegal concedida na época do vazquismo.

Un voto en positivo

Por outro lado, e logo de acudir ás actividades do Día das Peñas, que se desenvolven na rúa Manuel Murguía, ao carón do estadio de Riazor, Xulio manifestou as súas boas sensacións de cara á campaña. “A resaca das eleccións xerais distorsiona a fotografía, mais queda toda unha campaña por diante, longa e intensa. Eu non podo ocultar que teño boas percepcións. Son optimista. A enquisa da rúa indícanos que hai moita xente que valora moi positivamente o que fixemos nestes catro anos e que non atopa razóns de peso para que as cousas volvan atrás. Esa mesma enquisa, a da rúa, dinos que hai moita xente indecisa, que quizais ten dúbidas, pero que está a mobilizarse pouco a pouco”, comentou, para salientar que o voto do 26 de maio non é o mesmo que o das xerais do 28 de abril. “Hai moita xente que ten ganas de deixar atrás o voto por medo, que foi o das xerais, e ir con confianza ás urnas o 26 de maio para votar en positivo, pola cidade e polo futuro”, resolveu. “A xente fixo un esforzo o pasado 28 de abril para parar á dereita. Agora estámoslle pedindo un esforzo máis, pero distinto. Pedímoslle que vote pensando no que padecemos nos peores anos da crise, con uns e con outros. Pídolle que voten pensando nas próximas xeracións. Ese é o verdadeiro voto útil: o que é cara adiante, por un modelo de cidade para o século XXI, para deixar atrás o pasado e o revanchismo e afrontar con ilusión o futuro”, dixo. “Hai moita xente que vota outros partidos noutras eleccións, e non só ao PSOE ou ao BNG, que vai votar á Marea Atlántica nas municipais. Hai moita xente que sabe que só o noso liderado é garantía de futuro, valentía, proximidade e honestidade”, engadiu.

Mitins en Elviña e Bens

Por outro lado, durante a tarde está previsto que ás 18.00 horas protagonice un mitin en San Vicenzo de Elviña (na explanada da SD Relámpago), onde fará repaso das accións levadas a cabo neste barrio e as que se acometerán nos vindeiros catro anos. Logo dos traballos arqueolóxicos de recuperación do Castro de Elviña, a intención do goberno local é habilitar un gran parque metropolitano aberto.

Tamén se proxecta a construción dunha área de xogos, así como avanzar de forma moi notable na humanización da contorna. O proxecto Sendeiros da Coruña unirá o Bosque de Breogán, que se acometerá en Feáns, con Elviña. Do mesmo xeito, e no empeño en protexer o núcleo de Elviña, a Marea Atlántica tamén está comprometida coa protección do núcleo de vivendas da Pereiroa.

Posteriormente, ás 20.00 horas, terá lugar un encontro coa veciñanza de Bens. Do mesmo xeito que no caso de Elviña, o alcalde destacará o traballo de recuperación e dignificación dos núcleos históricos. Neste barrio acometeranse novas reurbanizacións de vías coa intención de mellorar o tráfico e ordenar os estacionamentos. Do mesmo xeito, recuperará a toponimia tradicional, unha vella demanda da veciñanza da zona, que verá como se acomete a renovación do polideportivo do Mazaído, comezando pola súa iluminación, algo que permitirá ampliar o horario de uso. Tamén se creará unha área de xogos infantís e de lecer na contorna do centro veciñal.