O alcalde e candidato á reelección visitou esta mañá o mercado de Elviña, onde fixo un avance do programa de impulso ao emprego da Marea Atlántica, que se centrará nas accións formativas dos colectivos máis vulnerables da cidade

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, visitou esta mañá o mercado de Elviña onde manifestou as “boas sensacións” que percibe “nunha campaña feita nas rúas, tal e como gobernamos, mirando á xente aos ollos e falando con proximidade”. “Está a ser unha campaña intensa, na que estamos a percorrer todos os barrios e rúas que podemos. Non estamos vendo que os outros grupos políticos estean facendo unha campaña intensa na Coruña nin sobre A Coruña, que é do que queremos falar estes días. Estamos animados, temos boas sensacións nas rúas. Na semana que queda imos botar o resto e imos redobrar esforzos para chegar a todos os recantos da cidade”, afirmou.

Ferreiro, que participou tamén nun vermú no barrio da Gaiteira, falou das medidas para o fomento do emprego que se porán en marcha nos próximos anos, nos que a Marea Atlántica “volverá exercer ata o límite as competencias municipais en emprego”. A falta de atribucións dos concellos neste eido tan sensible para o benestar social e o impulso económico da cidade non impediu que o goberno da Marea Atlántica puxese en marcha na actual lexislatura un Plan Municipal de Emprego para a capacitación dos colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, apostase pola coordinación coas entidades da cidade a través do Pacto Local polo Emprego ou elaborase estratexias de igualdade ou emprego xuvenil. “A Marea Atlántica ten no desemprego e na precariedade laboral dous grandes retos, que abordamos dende a capacitación dos colectivos máis sensibles e dende o impulso a sectores clave da nosa economía”, explicou o alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro. “Imos continuar nos vindeiros catro anos coa posta en marcha de novas medidas e programas que continúen coa senda de crecemento do emprego que temos hoxe no concello, no que se crearon preto de 13.000 empregos nos últimos anos”, indicou. Neste sentido, Ferreiro lembrou que “A Coruña é a cidade de Galicia na que máis medrou na afiliación á Seguridade Social en termos absolutos, no último mes, nos últimos doce meses e no mandato”. Así, salientou que o crecemento nos últimos anos do 10,3% nas afiliacións se traduce en máis de 12.900 novas altas, das que case 4.000 se produciron no último ano, moi por riba dos 9.200 de Vigo, segunda cidade de Galicia en termos absolutos de creación de emprego nos pasados catro anos.

A Marea Atlántica executará no próximo mandato o proxecto Coruña Suma, un plan de inserción social para colectivos vulnerables que está dotado con 5,6 millóns de euros, dos que 4,4 proceden “do esforzo que fixemos estes anos para captar un total de 25 millóns de fondos europeos para a cidade”. “Os equipos de traballo situaranse onde son máis precisos, nos barrios, para continuar coa descentralización dos servizos municipais. Dende alí formarán a máis de 1.500 persoas para mellorar as súas condicións de acceso a un emprego, das que un 60% serán mulleres”, apuntou. Estarán en tres grandes áreas da cidade como son Os Rosais, Labañou e a Agra do Orzán; a Sagrada Familia e Os Mallos; e Elviña, Monelos e o Barrio das Flores. Neste ámbito, o vindeiro goberno local apostará tamén por ampliar o programa Coruña Emprega, “que amosou a súa eficacia con cotas de inserción superiores ao 60% nos últimos anos”, e, ademais de traballar coas entidades que conforman o Pacto Local polo Emprego, incorporará aos centros de Formación Profesional.

Na liña de traballo co sector, a Marea Atlántica aposta por continuar coa colaboración entre a institución local e as entidades do sector na elaboración dun novo Plan Municipal de Emprego para o período 2019-2023, que manteña como prioridades a inclusión laboral de colectivos vulnerables e a superación da fenda dixital. Outra das medidas incluídas no programa de goberno é a creación dun Plan de Emprego para Migrantes que, en colaboración entre o Centro Municipal de Emprego, a Unidade de Atención a Migrantes e entidades especializadas do terceiro sector, diagnostique as necesidades formativas e elabore os itinerarios precisos para incrementar a súa empregabilidade. No marco deste plan, tamén se buscarán mecanismos que axuden a este colectivo a homologar os seus títulos formativos.

A acción política da Marea Atlántica para os catro anos que veñen tamén se centrará no impulso ao emprendemento e á creación de emprego en torno a un sector que conta cunha importante bolsa de desemprego de profesionais cualificados, como é o de rehabilitación de vivenda, a rexeneración urbana e a eficiencia enerxética. Isto estenderase tamén a outros ámbitos estratéxicos da cidade, a través do apoio ao sector pesqueiro e á súa lonxa, a restauración ambiental “para ligar o desenvolvemento sostible a programas de formación” e o fomento da iniciativa tecnolóxica pública no ámbito da innovación, “que terá un gran pulo no vindeiro mandato vinculada a diversos sectores e proxectos”. Tamén se creará o distintivo Coruña Emprega para destacar a aquelas empresas que teñan boas prácticas na xestión laboral e outorgarlles vantaxes competitivas na contratación pública do Concello, que seguirá a aplicar as cláusulas sociais e laborais para garantir un emprego estable e digno nas contratacións municipais que se iniciaron este mandato.

Fiscalidade social

“Estes catro anos iniciamos unha modificación profunda da fiscalidade para apoiar á xente do común, ás persoas autónomas e ás pemes, levándoa case ao seu límite para dar facilidades de pago e estimular a actividade económica. Implantamos a cota cero aos traspasos, redución do 25% do Imposto de Actividades Económicas para locais de menos de 150 metros cadrados, menor presión fiscal para negocios afastados do centro e ampliación das bonificacións do IBI”, resumiu Ferreiro, que indicou que esta liña de traballo tamén terá continuidade nos vindeiro anos. Así, bonificarase nun 95% o Imposto de Actividades Económicas para as declaradas de especial interese municipal e, na mesma porcentaxe, a cota do IBI para vivendas de aluguer social a prezo taxado. Tamén se elaborará un censo de vivendas baleiras, con obxecto de aplicar o recargo do 50% da cota do IBI en canto a Xunta ou o Estado o desenvolvan normativamente.

“Tamén afondaremos na xustiza social da cidade a través da fiscalidade. Implantaremos un mínimo vital garantido no consumo da auga e incrementaremos os límites de renda que dan dereito á gratuidade e ás bonificacións nos servizos municipais como recollida de lixo, saneamento ou depuración”, avanzou. A reforma do actual sistema de pago dos impostos municipais continuará incrementando as facilidades de pago, coa simplificación das taxas e a posta en marcha dun calendario fiscal á carta. A Marea Atlántica reducirá tamén as taxas para a mocidade nos equipamentos culturais e deportivos e introducirá un sistema de pago por xeración na taxa de recollida de lixo, para que pague menos quen máis colabore na separación de residuos.

Mitin nos Rosais

O alcalde e candidato á reelección tomará hoxe a palabra ante a veciñanza de Os Rosais, onde dará conta dos proxectos previstos para o barrio e a súa contorna nos vindeiros anos. Tamén intervirá no acto a número 8 da candidatura da Marea Atlántica, Isabel Faraldo.

Deste xeito, o alcalde anticipa as ampliacións da área de xogos da praza Elíptica, a rehabilitación integral do Grupo de Vivendas María Pita, e a construción dun novo aparcadoiro na zona norte do Parque de San Pedro de Visma (aberto en 2016). Son actuacións destinadas todas elas a mellorar o espazo urbano dun barrio que xa neste mandato se beneficiou do reasfaltado da maioría das súas rúas.

Tamén sinala Ferreiro a próxima creación do Bosque das Cinco Illas, máis de 160.000 metros cadrados de natureza para o lecer e o deporte ao aire libre, que conectará o barrio co Monte de San Pedro. Este novo espazo duplicará a actual zona verde do barrio e sumará máis de 6 quilómetros de sendeiros para facilitar a práctica deportiva saudable entre a veciñanza.