O alcalde e candidato á reelección salientou a aposta da Marea Atlántica por un cambio de modelo económico baseado na innovación, “fronte ás apostas doutras formacións que, ao final, se centraron nas grandes superficies comerciais e os pelotazos urbanísticos”

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, manifestou esta mañá, no marco dun almorzo con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), que A Coruña está no camiño dun cambio de modelo económico que aposta pola innovación e que abarca todos os sectores, dende as grandes empresas até as pemes e os e as emprendedoras. A este respecto, especificou que o programa de goberno da Marea Atlántica inclúe a posta en marcha o vindeiro mandato de distintos programas e medidas de carácter fiscal que favorezan tamén aos e ás autónomas, “veciños e veciñas que realizan actividades que, realmente, son as que principalmente contribúen ao sostemento económico das cidades”.

Ao fío, Xulio solicitou á veciñanza que cando o 26 de maio acuda ás urnas “recorden quen defende que e quen defende a quen nesta cidade”. “A xente di moitas cousas en campaña, pero hai que recordar cal é o modelo de cidade de cada quen. Dende a Marea Atlántica levamos catro anos apostando por un cambio de modelo baseado na innovación, o que nos levou a colaborar coa Universidade da Coruña para poñer en marcha unha Estratexia Metropolitana de Innovación. Levamos dende o principio apostando polo proxecto da Cidade das TIC na Fábrica de Armas, que fomos defender a Madrid e para o que puxemos en marcha unha comisión a tres bandas coa universidade e co sector. Mentres tanto, os anteriores gobernos, por moito que agora prometan, fomentaron un modelo de economía baseado en pelotazos urbanísticos e en grandes superficies comerciais”, recordou. Así, a preguntas da prensa e antes de comezar a reunión con AJE volveu solicitar aos e ás candidatas á Alcaldía da Coruña que, no que queda de campaña, “traten de falar da Coruña”.

“Nestas eleccións, Pedro Sánchez non se presenta na cidade. E Feijóo tampouco. Creo que as persoas, entre elas os socialistas e as socialistas de corazón, que o pasado 28 de abril votaron para poder frear o avance da dereita saben que, nestes comicios e na Coruña, a formación na que poden confiar é a Marea Atlántica. Sabemos quen é quen. Se apostan por manter uns principios de xustiza social, de igualdade… saben a que candidatura teñen que votar”, indicou.

Coruña, Cidade Innovadora

En canto ás medidas que a Marea Atlántica porá en marcha o vindeiro mandato para potenciar un cambio de modelo económico baseado na innovación, o alcalde salientou, en primeiro lugar, o impulso á Cidade das TIC nos terreos da Fábrica de Armas como un espazo de futuro. “Será un espazo que, da man da Universidade e do sector na innovación, vai crear emprego e vai facer que empresas especializadas que buscan estruturas comúns se asenten na cidade”, comentou. Así, o programa de goberno tamén aposta por poñer en marcha, en colaboración coa UDC, un programa de atracción e fixación de talento científico, técnico e investigador na cidade, así como a posta en marcha dunha plataforma online de formación permanente e un plan de mobilidade de persoal entre empresas e centros de coñecemento.

A aposta por este sector é tal que se creará unha área de goberno adicada á innovación e ao coñecemento e se impulsará o Consello da Ciencia e a Innovación. Tamén se habilitará unha Oficina da Innovación que ofrecerá ao tecido económico da cidade unha xanela única na que solicitar información e financiamento.

“É preciso que avancemos na posta en marcha de medidas de estímulo ao emprendemento innovador, por iso poremos en marcha unha serie de premios e bolsas para estimular e recoñecer a innovación, así como a posta en marcha de iniciativas tecnolóxicas globais na cidade. Tamén desenvolveremos novas aceleradoras e incubadoras de empresas, entre elas, unha dedicada ao emerxente sector dos videoxogos”, explicou o primeiro edil, que indicou que, ademais, entre outros equipamentos, o goberno local estuda a posta en marcha dun Hub Tecnolóxico, que se ubicará no edificio rehabilitado na Veeduría.

Tolerancia e Monelos

Ademais dos actos de campaña da mañá, durante a tarde Xulio Ferreiro protagonizará senllos mitins na praza da Tolerancia e no parque de Oza. O primeiro comezará ás 18.00 horas e o segundo ás 19.00 horas. O rexedor avanzará algunhas das actuacións que se levarán a cabo no vindeiro mandato nos barrios tanto de Riazor como de Monelos.

“En Riazor seguiremos desenvolvendo actuacións no espazo público como fixemos coa posta en marcha dunha área infantil na praza da Tolerancia. Construiremos unha pista multideporte na parte traseira da Facultade de Náutica e un parque biosaudable en Almirante Romay”, dixo, á vez que recordou que neste ámbito garantirase a accesibilidade universal na praia de Riazor. “Incidiremos tamén na recuperación da memoria do barrio. Reconstruiremos o hórreo histórico localizado en San Roque de Fóra e abordaremos actuacións de rehabilitación no grupo de vivendas María Pita, en Labañou, no que se investirá case 1,5 millóns de euros”, apuntou.

No segundo mitin, Xulio fará un repaso polas actuacións previstas para o vindeiro mandato en Monelos. En concreto, está prevista unha intervención na avenida de Monelos para reforzala como traxecto vertebrador do barrio. Tamén se ampliará a beirarrúa ao carón das torres do Instituto Social da Mariña e se ampliará a rede de carril bici cun tramo en sentido subida que conectará co resto da rede ciclista.

En resposta ás demandas veciñais está previsto que no primeiro ano de mandato se constrúa unha pista deportiva cuberta no CEIP San Francisco Xabier. “Ademais, temos o compromiso de recuperar o que moitas décadas de urbanismo salvaxe ocultaron, refírome ao río Monelos, que imos restaurar”, comenta o primeiro edil. No parque de Oza se crearán novas hortas urbanas froito das propostas veciñais gañadoras no programa de Orzamentos Participativos. Da man desta iniciativa de democracia directa chegará tamén unha completa renovación da zona de xogos infantís das Pajaritas.