A Coruña está en forma grazas ás súas entidades deportivas, espazos de diversidade e de orgullo. A Marea colaborou con elas, tanto a través de subvencións como de programas para fomentar a inclusión a través da práctica deportiva ou o estilo de vida saudable. Tamén mellorou os equipamentos públicos, con mención especial ás cubertas do estadio de Riazor ou activou proxectos como o polideportivo do Castrillón que leva 20 anos sendo unha promesa incumprida.

Dende a Marea Atlántica entendemos a inclusión como indispensable e o deporte como como unha panca de especial potencial integrador. Por isto fomentamos a inclusión no deporte co programa Deporte Solidario e Inclusivo, que se desenvolve anualmente a través da Fundación Emalcsa e que favorece a integración das diversidades na actividade deportiva de distintas disciplinas de base da man das entidades da cidade. Na súa última edición, o goberno da Marea Atlántica outorgoulle unha dimensión máis social, para favorecer o desenvolvemento de proxectos que promovan o deporte feminino e a igualdade de oportunidades, e concedeu 276 bolsas para colectivos vulnerables.

A integración a través do deporte potenciouse tamén nas probas atléticas consolidadas. Nestes últimos catro anos, a tríade de grandes carreiras municipais (Coruña10, Coruña21 e a Maratón Atlántica Coruña42) tamén se adaptou para facilitar a participación de atletas con mobilidade reducida.

Mellora dos equipamentos públicos

Foron moitas as accións e proxectos que os gobernos anteriores á Marea Atlántica ignoraron coa intención de que fosen outros quen asumisen responsabilidades. Isto mesmo aconteceu co Estadio Municipal de Riazor, que por fin conta cunhas cubertas á altura do que a cidade merece. Os anos e o deterioro empezaban a supoñer un risco para a seguridade das usuarias e usuarios, pero tamén para a veciñanza da zona. O Depor ten unha afección de Primeira e agora, despois de abordar unha actuación complexa cun investimento de 7,2 millóns, temos un Estadio Municipal de Riazor, a altura da súa afección.

Rematou a espera polo polideportivo do Castrillón

Os barrios importan. Importan tanto como o centro e merecen o mesmo trato. O Castrillón leva agardando pola promesa da súa piscina desde tempos de Paco Vázquez. Ningún dos gobernos sucesivos cumpriu co prometido. Até que chegou a Marea Atlántica. Hoxe, o proxecto de obra está listo e xa foi presentado á veciñanza. Queda moi pouco para completar o complexo deportivo, para o que se reserva un investimento de 2,5 millóns. E que incluirá piscina, baño de vapor, sauna seca, duchas cubo, tres estacións, spa de hidromasaxe e dúas salas de tratamento. Ademais, o polideportivo terá dúas salas de actividades dirixidas que se poden subdividir en cinco e unha gran sala de fitness para adestramento libre de máis de 350 m2. O novo proxecto introduce tamén vestiarios separados (feminino, masculino, adaptado, para equipos e para árbitros e monitores) a petición da veciñanza, xa que vai ser unha instalación que acolla múltiples actividades de xeito simultáneo.

Máis rehabilitacións

Pero tamén ao longo de todo este mandato quixemos coidar tamén das instalacións deportivas de rúa e dos equipamentos, que acumulan máis de 70 intervencións de maior ou menor entidade, como a climatización da piscina de Riazor, a mellora das instalación deportivas nas pistas de Elviña ou as obras complementarias para os Campos de fútbol de Visma.

E non quedarán aí. Para o próximo ano están previstas novas actuacións como a creación un rocódromo en Bens e a ampliación e renovación do existente en Riazor, ademais de dúas pistas polideportivas en Novo Mesoiro.

Coruña en Forma e Xogos Escolares

Para fomentar a práctica deportiva e o estilo de vida saudable na rúa, o Concello creou, no 2016, Coruña en Forma, un programa que ofrece actividades deportivas gratuítas, para públicos de todas as idades e condicións físicas. A iniciativa desenvólvese en horario de mañá e tarde, en diferentes barrios da Coruña, aproveitando os propios recursos cos que conta o noso espazo público: durante o verán, a cidade convértese nunha grande instalación deportiva ao aire libre.

Na edición de 2018 participaron máis de 13.300 persoas que fixeron tai-chi, pilates, ximnasia aeróbica, andainas ou zumba.

O impulso á vertente saudable do deporte espallouse para chegar a todas as idades. Así, o goberno da Marea Atlántica reformulou o programa Xogos Escolares, unha serie de competicións para os últimos cursos de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato, co obxectivo de favorecer o achegamento do alumnado a novas disciplinas deportivas. Nas últimas edicións, esta iniciativa municipal, que tamén conta coa participación das entidades do tecido deportivo local, ampliouse para dar a oportunidade de coñecer, a centos de nenas e nenos da cidade deportes como o fútbol gaélico, rugby ou hóckey.


Queres saber máis? Descarga o PDF