En catro anos atendemos demandas históricas como o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle ou a peonalización da Cidade Vella, gañamos máis natureza abrindo o Parque de Santa Margarida e hoxe contamos con máis sitio para xogar e camiñar.

A Marea Atlántica puxo en marcha un novo xeito de entender os espazos de ocio públicos, con áreas infantís accesibles que fomentan os xogos tradicionais e colaborativos, con sitio para o deporte e opcións para distintas idades. Destacan as obras realizadas na Praza da Tolerancia, Isaac Díaz Pardo ou San Pablo. Ademais, o Concello reformou as zonas de xogo infantil de todos os colexios de infantil e primaria da cidade que dispoñen delas.

Adeus Viaduto

Xa está en marcha o proxecto para derrubar o viaduto que afoga o cruce da Rolda de Nelle e a Avenida de Fisterra, unha estrutura antiga que a veciñanza rexeita desde hai catro décadas e que non ten sentido nunha cidade do século XXI. O proxecto de humanización da rolda neste punto inclúe melloras na mobilidade cun novo paso de peóns, a ampliación de beirarrúas, novas árbores e carril bici. Custará 1,2 millóns de euros, que houbo que sacar de debaixo das pedras despois de que o PSOE e o PP bloqueasen a aprobación dun novos orzamentos para este ano.

Abrimos o Parque de Santa Margarida á cidade

Desapareceu o valado do Parque de Santa Margarida na parte da rúa Palomar e a Avenida de Fisterra e xurdiu unha praza. Hoxe, o parque xa non está agochado para o resto da cidade, mellorando a naturalización e posta en valor do patrimonio.

Revitalizamos a Cidade Vella

O barrio máis antigo da cidade merece cobrar nova vida. A necesaria peonalización, agardada pola veciñanza durante décadas, só foi o comezo dun plan de actuacións que se leva a cabo de forma transversal –ao tempo que se elabora o plan de revitalización que rexerá as actuacións futuras– e que inclúe melloras en mobilidade, espazo público, vivenda, medio ambiente, comercio e turismo, xustiza social, cultura e participación. A primeira actuación foi a repavimentación da rúa Maestranza entre Isabel Zendal e Julio Portela Ceballos.

Renovamos Os Rosales e a Rolda de Outeiro

O Concello renovou o firme dos Rosales cun orzamento de máis de 776.000 euros. Esta intervención complementouse co repintado de toda a sinalización horizontal e mellora do alumeado. E o mesmo se fixo coa Rolda de Outeiro, na que se renovou a pavimentación dun total de 20.350 metros cadrados neste mandato para mellorar o tránsito, con outros 830.000 euros de investimento.

Melloramos a accesibilidade no Distrito Mallos

O goberno local acometeu neste mandato a mellora da accesibilidade nos Mallos, A Sardiñeira, Estación de San Cristóbal, Sagrada Familia, Santa Margarida, San Pedro de Mezonzo e a parte da Falperra máis próxima á Rolda de Nelle. En total, 529 actuacións, nas que se investiron 537.456 € e que abranguen desde a renovación das súas beirarrúas e a mellora da accesibilidade nas paradas do bus e pasos peonís, ata a instalación de ramplas e eliminación de obstáculos.

Damos preferencia aos peóns en Monte Alto

O Camiño do Vixía é o proxecto iniciado en Monte Alto que se contempla en fases sucesivas para crear un itinerario accesible que dea preferencia ás persoas a pé. Comezou no 2017 tras un proceso participativo para perfilar, escoitando á veciñanza, esta actuación, dirixida a dotar o barrio dunha conexión cómoda entre unha parte importante dos seus equipamentos, como son o CEIP Curros Enríquez, o centro cívico e biblioteca ou a escola infantil Luís Seoane. As obras máis significativas tiveron lugar na Rolda de Monte Alto, coa supresión da mediana e a reordenación do aparcamento, e na rúa Marola, onde se reurbanizaron e peonalizaron os primeiros 100 metros de vía. Tamén se reurbanizou a rúa da Torre, ampliando as beirarrúas para facer máis accesible a principal vía de comunicación do barrio.

Facilitamos o día a día da xente común

As obras acometidas na cidade teñen un sentido lóxico, non se realizan ao azar. Do mesmo xeito que as de Monte Alto están marcadas polo Camiño do Vixía, así acontece na rúa Montiño e noutras zonas. A piques de comezar está a remodelación dos cruces das rúas Salgado Torres, Ramón y Cajal e Alcalde Pérez Ardá, unha actuación de grande impacto que mellorará o tránsito peonil e vertebrará os distintos tramos de carril bici da contorna. O que xa está operativo é o percorrido accesible para o tránsito peonil entre as rúas Maestro Clavé e José Cornide a través de Juan Flórez, unha actuación que mellora a conectividade ao barrio da Falperra.

Restauramos a Viaxe de Visma

Despois de décadas de abandono, afrontamos a restauración da Viaxe de Visma, o acueduto do Paseo das Pontes, unha obra do século XVIII que levaba auga ás fontes do centro da Coruña. Hoxe fica xa libre de vexetación intrusa. Tamén acometemos a restauración da Porta de San Miguel, un símbolo do patrimonio cultural e histórico da cidade que representa o seu estreito vinculo co mar.

Recuperamos o Castro de Elviña

Xunto coa Torre de Hércules, o Castro de Elviña é o maior dos patrimonios arqueolóxicos e culturais da Coruña. Cun investimento de máis de 600.000 euros, recuperamos este Monumento Histórico Artístico, peza fundamental da memoria da Coruña. Pode verse en visitas guiadas con tarifa gratuíta.

Protexemos o que outros borraron do mapa

Tamén comezamos o proceso para darlle protección patrimonial a máis de 80 edificios singulares, como a Lonxa do Gran Sol, no porto, a Escola Pablo Picasso, os embarcadoiros das Xubias ou a torre do Observatorio, a través da modificación do catálogo do PXOM.


Queres saber máis? Descarga o PDF