O emprego digno é igual a unha vida digna. Por iso, estiramos as reducidas competencias municipais para apostar polo emprego de calidade e apoiamos as loitas na Coruña contra o paro e a precariedade, desde a industria ata o telemárketing

Desde 2015 os contratos municipais inclúen cláusulas sociais para garantir que as empresas provedoras do Concello cumpran os convenios colectivos e os principios de igualdade e fomenten a contratación de persoas en risco de exclusión.

Unha das primeiras medidas que se implantaron naceu de forma participada: foi o Plan Municipal de Emprego, centrado en ofrecer ferramentas para a mocidade, as mulleres, as persoas paradas de longa duración ou as persoas migrantes. Un plan que ten, ademais, entre os seus eixes de acción, a participación, a innovación, o emprendemento e a responsabilidade sociolaboral.

Ademais, contra o final de 2018, o Concello foi quen de captar 4,4 millóns de euros de fondos europeos para o programa Coruña Suma, que formará a 1.500 persoas de colectivos vulnerables en tres barrios da cidade, para axudarlles a atopar emprego. Este plan, no que un 60% das beneficiarias serán mulleres, desenvolverase até o ano 2021, en colaboración co tecido de entidades sociais da cidade.

No marco do fomento da actividade económica e o emprendemento, naceu o viveiro de empresas municipal Accede Papagaio. A súa posta en marcha en 2016 veu aparellada dunha modificación das ordenanzas destes espazos, para abaratar e favorecer a entrada nos mesmos, incluso a custo cero, de veciñas que están levando a cabo unha iniciativa empresarial. Hoxe este centro é tamén unha referencia para a formación e o encontro do tecido social e innovador da Coruña.

Economía social da cidade e para a cidade

Para o goberno da Marea Atlántica as persoas deben estar no centro. Das súas políticas e tamén dos seu modelo económico. Neste tempo, o impulso á economía social e ao cooperativismo foi firme. Impulsamos feiras, realizamos cursos e actividades para fomentar e achegar á veciñanza o consumo responsable.

Pero ademais, o comercio de proximidade converteuse de novo, na Coruña, nunha prioridade. Traballamos para potenciar o pequeno comercio e promover a dinamización comercial nos barrios con distintas iniciativas que se implantaron tanto no centro coma no resto dos distritos comerciais: naceron así iniciativas como a campaña do Samaín e os Mercados Urbanos.

Tamén apoiamos a produción ecolóxica, tanto da cidade como da área metropolitana, con mercados específicos estables e feiras. Un camiño que hoxe nos leva, por exemplo, a participar no programa europeo URBACT de apoio á agricultura urbana xunto a cidades como Roma, Vilnius, Cracovia, Tesalónica, Caen e Loures. Grazas á súa integración nesta rede, A Coruña logrou captar 420.000 euros de fondos europeos.

Turismo sostible e responsable

Por vez primeira, A Coruña ten unha estratexia para o turismo deseñada coa participación de voces cidadás, profesionais, académicas e políticas. A Marea Atlántica puxo en marcha o Plan Estratéxico de Turismo para aproveitar o potencial da cidade a través da súa identidade atlántica, a riqueza cultural, a gastronomía e a súa capacidade de innovación como bases dun turismo sostible e responsable.

Rompendo coas políticas obsoletas e caciquís de gobernos anteriores, recuperamos o Hotel Atlántico: de cobrar 2.500 euros anuais pola xestión desta propiedade municipal, o Concello pasou a percibir 1,5 millóns de euros anuais, ademais de lograr que a nova concesionaria mantivese todos os postos de traballo: agora, ese millón e medio, que pertence á cidadanía, destinarase a investimentos que mellorarán a súa calidade de vida.

Récord de Alvedro

As medidas para o turismo levaron consigo o crecemento de Alvedro: pechou en 2018 o segundo mellor ano da súa historia, cun rexistro anual de 1.225.763 pasaxeiros e pasaxeiras. Durante os catros anos que leva a Marea Atlántica no goberno, o aeroporto superou o millón de usuarios, sendo o que máis medra no tráfico de viaxeiros das tres terminais galegas. Nestes anos aforramos tamén en contratos de publicidade, pasando dos máis de tres millóns do PP a 1,3 millóns, e conseguimos recuperar en 2019 as conexións con Málaga e Bilbao.


Queres saber máis? Descarga o PDF