O goberno da Marea Atlántica non viviu os primeiros 100 días como un período de graza: nin nos deron tempo nin o pedimos. Desde o minuto 1 iniciamos un proceso de cambio que leva xa catro anos e que responde ao compromiso que asumimos coa cidadanía en 2015.

A veciñanza da Coruña votou cambio nas últimas municipais. Cambio de políticas e cambio no xeito de facelas. E esa mudanza comezou a concretarse no intre en que a praza entrou no pazo de María Pita cunha batería de 25 medidas urxentes que deixaban ás claras o compromiso do novo goberno cunha cidade máis igualitaria e máis amable e cunha política que devolvese a credibilidade que a corrupción lle roubara ás institucións e á democracia.

Os salarios, axustados á realidade

Fronte a unha clase política aferrada a privilexios, coa Marea Atlántica entrou no concello a xente común, a xente humilde. O noso goberno cústalle á veciñanza da Coruña 320.000 euros ao ano, fronte aos 615.000 do equipo de Carlos Negreira. Para o PSOE e para o PP, a crise foi a escusa perfecta para recortar o gasto social e para cambiar a Constitución en favor dos bancos, pero non para baixar o billete do autobús ou para moderar as súas nóminas. Non somos iguais.

Adeus ás touradas e ao maltrato animal

Era un compromiso e cumprímolo. No verán de  2015 o Concello da Coruña deixou de subvencionar o maltrato animal e, sen fondos públicos que alimentasen esta presunta tradición, os promotores privados deixaron de organizar unha feira taurina que lle custara ao longo dos anos máis de 2 millóns de euros á cidade. Desde aí, A Coruña converteuse nun referente en políticas de benestar animal.

Dereito a un hábitat digno

Mentres que outros gobernos apostaron por derrubas e despexos, o goberno da Marea puxo en marcha o Plan de Hábitat Digno para atender o problema dos asentamentos precarios da cidade desde unha perspectiva integral. Hoxe, 17 familias menos habitan na Pasaxe, un entorno no que o Concello segue a traballar de forma silenciosa e constante.

Humanización de Alfonso Molina

A Avenida da Vedra non pode ser unha autoestrada que parta en dous a cidade, como quería o PP. Reformulamos aquela proposta para converter a principal vía de entrada e saída da cidade nunha avenida urbana, que axude a comunicar as dúas beiras e que evite novos derrubos en San Vicente de Elviña. Presentamos un novo proxecto que foi sistematicamente bloqueado polo goberno de Mariano Rajoy e que o PSOE tampouco sacou do caixón cando chegou á Moncloa. Un proxecto que nos define como cidade e polo que A Coruña non pode agardar eternamente.

A cidade da música

A cultura enriquece unha cidade e hoxe o Festival Noroeste define A Coruña como unha cidade efervescente, integradora e de vangarda.Fixemos medrar unha cita clásica das festas agosto en días, actuacións e localizacións, para converter un evento de dous días na praia nunha experiencia que transforma A Coruña nun escenario, que atrae visitantes e dinamiza a economía.

Devolverlle a saúde á ría do Burgo

Nos primeiros dous meses de mandato elaboramos un mapa cos principais puntos incontrolados de vertido que acababan na ría do Burgo. Dos vinte que detectamos, 17 están hoxe eliminados. Ninguén se preocupara antes. Ninguén puxera couto a verteduras que eran de sobra coñecidas.

Catro anos de colaboración

Co ben común como máxima, buscamos o entendemento con outras institucións para facer cidade, aínda que non sempre foi doado. De acordo coa Deputación e a Universidade, facilitamos desde a chegada ao Concello a creación dunha residencia universitaria pública no colexio Calvo Sotelo, un marco de colaboración que se estendeu ao longo de todo o mandato. Ademais, desde o primeiro momento traballamos cos concellos veciños para crear a Área Metropolitana, unha alianza coa vista posta na Coruña real, a que conformamos os 400.000 veciños e veciñas.

Institucións laicas

Non houbo que agardar demasiado para que a Marea Atlántica cumprise coa súa promesa de respectar ao tempo a liberdade de culto da cidadanía e o carácter laico das institucións. Na súa primeira fin de semana como alcalde, Xulio Ferreiro rexeitou encabezar unha celebración relixiosa e preferiu facer, o mesmo día e á mesma hora, unha homenaxe a María Wonenburger, muller, científica e orgullo da Coruña. Dende entón é o proceder habitual en María Pita.

Toda a información no xornal Xente de Palabra