Das 99 medidas que propuxemos hai catro anos, unicamente seis quedaron pendentes. Seguen a ser prioridades e formarán parte do plan de goberno para o segundo mandato, no que seguiremos a construír xuntas unha Coruña mellor para vivir

Non é doado atopar os programas electorais doutros partidos. En canto pasan as eleccións, desaparecen. Non é o noso caso. O programa da Marea Atlántica está onde estaba en maio de 2015. Calquera pode consultar o que propuxemos daquela, incluídas as 25 medidas de carácter urxente a executar nos primeiros 100 primeiros días, e calquera pode hoxe comprobar se cumprimos ou non. Por cousas coma esta dicimos que o cambio, na Coruña, comezou o mesmo 24 de maio de 2015…

Das 99 medidas que conformaban o noso programa electoral de 2015, unicamente seis quedaron sen poñer en marcha, mentres que as demais están totalmente cumpridas (66) ou en proceso (27).

Ademais do programa para o mandato completo, que chamabamos “99 medidas para o 99%”, lanzamos unha relación de 25 actuacións de carácter urxente. Dous terzos destas cuestións están resoltas, e as demais seguen a estar entre as nosas prioridades:

  • En menos de catro anos, a débeda rebaixouse á metade, de 86 a pouco máis de 43 millóns.
  • Baixámonos o soldo des de o primeiro día: O goberno do PP custaba 612.000 euros ao ano. O da Marea, 320.000.
  • Creouse unha Renda Social Municipal, para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas en situación de exclusión ou pobreza. Axudou a máis de 300 fogares.
  • Cumprimos a Lei de Memoria Histórica no rueiro da Coruña: os nomes de asasinos e golpistas xa non están nas rúas e prazas da nosa cidade.
  • Rematamos coas touradas, e xa non cedemos recursos municipais para eventos nos que se maltraten animais.
  • Publicamos todos os contratos do Concello e as empresas municipais, e abrimos as mesas de contratación, a Xunta de Goberno e outros órganos aos partidos da oposición,.
  • Fiscalizamos as concesións: Nostián, que está en proceso de renovarse, a do bus urbano, que nos permitiu baixar o prezo do billete, o ascensor de San Pedro, o Hotel NH, o servizo de xardíns históricos ou a axuda a domicilio son exemplos.

Avanzamos noutros moitos campos, desde a implantación de orzamentos participativos e outras canles de participación, o traballo para dar solución aos asentamentos precarios, a naturalización urbana e a conservación da biodiversidade, o benestar animal, as hortas urbanas, a fiscalización da Compañía de Tranvías ou a rebaixa da taxa da auga para evitar que as persoas máis vulnerables padezan cortes por non poder asumir o recibo.

Non esquecemos o prometido

É certo. Faltaron cousas. Algunha, como a integración das políticas de eficiencia enerxética en todas as áreas de xestión municipal, só puideron implantarse en áreas concretas, como as axudas á rehabilitación.

Outras, como lograr cubrir totalmente a demanda de prazas das escolas municipais infantís, víronse bloqueadas polas restricións que a Lei Montoro impón á contratación pública, e outras, como a adaptación das axudas municipais ás necesidades reais da mocidade, ou a recuperación para o uso público do cárcere provincial, atoparon múltiples atrancos. Pero non renunciamos a ningunha. Serán a base dun novo programa de goberno para o segundo mandato.  

Atoparás máis detalles no xornal Xente de Palabra

As promesas incumpridas que herdamos

Cando chegamos a María Pita prometemos abrir portas e ventás. Outros, antes ca nós, non o fixeran, como tampouco quixeron deixar pegadas das súas promesas electorais. Nin no papel, nin na cidade. Nestes catro anos buscamos o rastro dalgúns dos compromisos electorais do anterior goberno, mais resulta difícil seguirlles a pista: nin o cuartel da Policía Local que prometeron, nin a unidade de violencia de xénero, nin tampouco todas esas áreas de xogos que ían construír.

Dixeron de nós que presentabamos un programa sen obras, e é certo que non as prometemos, pero as fixemos, como as das áreas infantís da praza de Recife, da Tolerancia, da praza Díaz Pardo ou do Portiño, como a reurbanización da rúa da Torre ou os carrís bici, como as 600 obras de proximidade en todos os barrios da cidade. Obras que respondían a demandas históricas ou que foron solicitadas pola propia veciñanza.

Tampouco fomos quen de atopar o centro de día que prometeu o PP na Falperra, nin o de Durmideiras, onde tamén ían facer un parque biosaudable, unha área canina, unha zona cuberta de lecer e un novo mercado que tampouco conseguimos localizar.  Nin rastro dos centros de saúde de Palavea, A Zapateira e San Pedro de Visma nin das escolas infantís dos Mallos, de Catro Camiños, de Pocomaco e do Ensanche.

Do mesmo xeito que outra política é posible, tamén hai outra forma de render contas diante da cidadanía: amosando o traballo feito, con transparencia e humildade, sen triunfalismos, de maneira honesta.