O Noroeste converteuse nun referente entre os festivais urbanos do Estado, cun cento de grupos tocando nas rúas, praza e praias durante unha semana, con ollada feminina e absoluto respecto polos dereitos laborais. É un exemplo da xestión cultural dos últimos catro anos.

Na Marea Atlántica entendemos a cultura como algo fundamental para darlle vida a unha cidade. E así actuamos nestes catro anos de goberno. Mudamos o Noroeste para facelo medrar e convertelo nunha referencia.  Antes do 2015 era un festival de dous días en Riazor. Hoxe, dura case unha semana e conta con espectáculos en toda a cidade.

O Noroeste é tamén referente polo seu respecto aos dereitos laborais das bandas que participan, algo que foi saudado polos sindicatos da escena musical, e por unha programación con visión feminista: a maior parte dos grupos da última edición estaban liderados por mulleres ou contaban con maioría feminina entre as súas compoñentes, algo que repetiremos neste 2019.

Axudas, non favores

O festival é o exemplo que máis chama a atención de como a cultura pode entenderse de xeito descentralizado. Pero hai máis: a Romaría de Santa Margarida, que se espalla pola cidade; as foliadas de Ardelloeixo, que recuperan a cultura tradicional e implican á xente moza; o festival de danza Quincegotas, que alcanza mesmo a área metropolitana…

Ademais, coa chegada da Marea, aumentaron as axudas para as festas dos barrios, que agora se outorgan mediante concursos, un sistema máis xusto e transparente. Novos aires nunha área que o PP convertera nun dos centros neurálxicos da trama de enchufes da operación Pokémon.

Agora, levamos a cabo distintos programas de apoio á cultural local, aos que calquera persoa ou entidade pode presentarse. Creamos o Plan de Arraigo para os colectivos que vinculados á cultura tradicional. Con Facemos Comunidade e Grupo Xerminal apoiamos ás festas dos barrios. Con Cultura de Barrio fomentamos a creatividade artística. E con Cultura de Proximidade apoiamos as salas de concertos e artes escénicas.

Cultura sen barreiras

A través da Fundación Emalcsa, o goberno local ten en marcha o programa Cultura Accesible e Inclusiva para financiar proxectos que achegan a cultura ás persoas con diversidade, e que, ademais, potencian o seu papel como creadoras culturais. Este programa medra cada ano tecendo unha rede entre as entidades culturais da cidade e as de diversidade funcional, sensorial ou cognitiva.

Nestes anos tamén asumimos a xestión do Teatro Colón,  liberándoo dos anos de abandono que padeceu co PP. Apioamos ás profesionais da ilustración e o cómic,  coas que o Concello traballou, colaborou e promocionou de forma estable durante todo o ano, e non só durante a celebración do Salón do Cómic. O mesmo ocorreu co libro, a edición e o audiovisual, sectores cos que colaboramos os a través de distintas iniciativas entre as que des-tacan a reformulación da Feira do Libro ou as accións de dignificación do idioma nas librerías da cidade co gallo das Letras Galega