Queda moito por facer pero, na Coruña de hoxe, os teitos de cristal comezan a crebarse e a loita contra as violencias machistas vai collendo corpo. Puxemos en marcha unha ordenanza municipal de igualdade, vestímonos de negro contra as violencias machistas e introducimos as paradas libres no bus urbano. Aquí non hai espazo para o odio nin para o medo.

A nosa cidade transformouse ao longo dos séculos co impulso das mulleres: das cigarreiras, das pescantinas, das traballadoras do Muro. A Coruña de hoxe en día segue a moverse co impulso das nosas veciñas. E a parar tamén. A folga feminista do 8M reuniu este ano máis de 40.000 persoas, nunha marcha sen precedentes na que, entre outras cousas, reclamábase a fin dos teitos de cristal. Das discriminacións que só fan minguar as mentes e as sociedades.

A busca da igualdade real está no ADN da Marea Atlántica:

  • Puxemos en marcha unha ordenanza de igualdade dirixida a erradicar da administración calquera forma de discriminación
  • Grazas a unha instrución de transversalidade pioneira en todo o Estado, o concello traballa tendo en conta a perspectiva de xénero
  • Os contratos municipais contan con cláusulas que garanten que os provedores municipais aplican principios de igualdade no seu cadro de persoal.
  • Co obxectivo de facilitar a conciliación, ampliamos de forma exponencial o servizo municipal de canguraxe

Unha cidade corresponsable

O goberno local, dende a Concellería de Igualdade e Diversidade, puxo en marcha distintos programas e actividades destinadas a corresponsabilizar á cidadanía na detección e denuncia das violencias machistas. Coa sociedade como aliada foi posible que centos de comercios da cidade se unisen á campaña contra as violencias “A Coruña en Negro” e foi posible conseguir unhas Festas Libres de Violencias Machistas, nas que as nosas veciñas gocen do ocio e se sintan seguras.

Da man das entidades do ámbito das diversidades e da igualdade, o goberno local tamén implementou un Pacto Social contra as Violencias Machistas, dende o que se traballa en estratexias de intervención contra a violencia de xénero, así como o Consello Local da Igualdade, un ente consultivo formando por institucións públicas e colectivo sociais da cidade que pretende propoñer novas actuacións no marco das políticas afectivo sexuais.

Unha cidade sen medo

Apostar pola igualdade non pode ser unha frase nun programa electoral, ten que ser unha realidade que se perciba en cada rúa. Por iso nos convertemos nunha das primeiras cidades en implantar as paradas libres no servizo nocturno do bus urbano, de forma que unha muller que viaxa soa poida solicitar a parada onde máis lle conveña e onde máis seguridade se lle ofreza. E como somos unha cidade sen medo, tampouco o tivemos para levantar a voz e para reclamar ao goberno do Estado un reparto adecuado de fondos do Pacto de Estado contra as Violencias Machistas ou para esixirlle á Xunta de Galicia máis persoal e recursos para o Centro de Planeamento Familiar de Orillamar (COF), xa que se trata dun espazo de referencia na atención á saude afectiva e sexual da cidade.

Unha cidade empoderada

Non bastaba con ampliar os fondos contra as violencias machistas nin poñer en marcha unha actuación de mellora do Centro de Información á Muller (CIM), que só durante o ano pasado atendeu a 931 persoas, das cales 73 eran menores. Era necesario recordarlle ás nosas veciñas que, hoxe en día, o motor do cambio está nas súas mans. Así, o goberno local puxo en marcha un Centro de Interese Bibliográfico en Xénero e Feminismos no Centro Ágora e unha Escola de Empoderamento Feminista, un recurso de formación para a cidadanía que busca abrir procesos democráticos alentando unha maior participación activa das mulleres, a creación de redes e a mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida municipal.

A riqueza da diversidade

A diversidade non é un problema nin un motivo de alarma senón unha mostra máis da pluralidade dunha sociedade que medra en dereitos e en dignidade. Dende a chegada da Marea Atlántica, o Concello da Coruña conta cun equipo de Xestión Policial da Diversidade, para que ningunha identificación se realice cun nesgo discriminatorio. Tamén recuperamos o diálogo perdido con todas as entidades e colectivos do ámbito das diversidades cognitivas, funcionais, sexuais e culturais. Xa en 2016 o Concello puxo en marcha, de forma piloto, un Espazo Municipal das Diversidades, no Centro Cívico da Cidade Vella. Debido aos bos resultados obtidos, o goberno local sacou a licitación un novo contrato, máis ampliado e con máis recursos, que está xa a piques de ser adxudicado.

Cidade Refuxio

O porto da Coruña foi lugar de acollida de navegantes durante séculos, aínda que tamén punto de partida da emigración. Esa dualidade fixo á veciñanza desta cidade profundamente xenerosa, motivo polo que a Marea Atlántica impulsou a entrada da Coruña na Rede estatal de Cidades Refuxio. O Concello conta xa con máis de 400 persoas acollidas que son ou foron atendidas, como calquera outra veciña, con recursos municipais. Non obstante, o Goberno do Estado aínda non activou os mecanismos necesarios para que as institucións locais acollan persoas que buscan asilo. Si lle deixa facelo a entidades sociais, coas cales colabora o Concello cedéndolles prazas en pisos municipais mediante convenios.

A veciñanza que veu de lonxe

A inclusión é fundamental para unha vida plena. Por iso, o goberno local incrementou os recursos destinados a favorecer á integración daqueles veciños e veciñas que viñeron de máis lonxe. De cara a favorecer a súa accesibilidade, a Unidade de Asesoramento ás Persoas Migrantes (UAMI), que incrementou o seu persoal durante este mandato, trasladouse ao Centro Cívico dos Mallos onde o ano pasado atendeu a máis de 1.100 persoas. Tamén se melloraron os servizos da Escola Intercultural, destinada á integración dos e das menores migrantes, cun novo contrato a concurso que triplica o investimento, ata os máis de 100.000 euros anuais.

Unha cidade para todas as diversidades

  • O Concello recuperou o diálogo perdido con todas as entidades do ámbito das diversidades, e apostou por actuacións en espazo público que buscaban a accesibilidade universal
  • A través de Emalcsa potenciamos os programas Cultura Accesible e Inclusiva e Deporte Solidario
  • Tamén se implantou un Plan Municipal para persoas con diversidade, para dar apoio ás familias de persoas con discapacidade e financiar servizos de respiro familiar