Por primeira vez en 30 anos, coa Marea Atlántica baixou o prezo do bus: un 8% o billete xeral, un 12% coa Tarxeta Millennium e un 30% na tarifa social. Ademais, duplicamos os quilómetros de carril bici para fomentar o uso seguro da bicicleta.

Poñendo a cidadanía por diante dos intereses privados, en febreiro de 2019 a Marea Atlántica baixou o prezo do autobús por primeira vez en 30 anos. A tarifa xeral reduciuse en case un 8%, nun 12% coa tarxeta Millennium e ata o 30% no billete social. Os nenos e as nenas menores de 13 anos xa non pagan e tamén son gratis todos os transbordos que se fagan durante 45 minutos.

O cambio notouse xa no primeiro mes:

  • 1.856.217 viaxes: +8.76%
  • 3.600 novas tarxetas para menores de 13.
  • 20.293 viaxes de balde feitas por menores de 13.
  • 122.570 transbordos de balde: +17%

Esta é a única lexislatura desde o 2005 onde todos os anos medrou o número de viaxes no bus. A primeira vez que se auditan as contas da Compañía de Tranvías, o que permitiu detectar o seu beneficio excesivo. Nada disto pasara ata a chegada de Xulio Ferreiro á alcaldía. Coa baixada do bus, gaña a cidade.

Mellores servizos e máis cobertura

Para facer unha cidade máis xusta para todas e para todos, ampliáronse os percorridos de varias liñas de bus da cidade. Levamos ata o Materno as liñas 12, 12A e 17, para que a veciñanza poida achegarse ao hospital en transporte público. Tamén está prevista a ampliación da liña 24, con vontade metropolitana, para atender a 1.500 veciñas de Culleredo e Arteixo. E xa está todo listo para que o bus 1A poida conectar con Santa Cristina, en Oleiros, durante o verán.

Durante este mandato, o transporte público urbano fíxose 100% accesible, grazas á modernización da frota de autobuses. E introducimos o servizo de paradas seguras para mulleres no bus nocturno.

Tamén está en fase piloto a aplicación Millennium Próxima que permite pagar o bus e outros servizos municipais dende o teléfono móbil. Un compromiso coa accesibilidade e a innovación tecnolóxica que naceu da suma de dúas propostas aprobadas nos Orzamentos Participativos e que axiña estará a disposición de toda a veciñanza.

O dobre de quilómetros para a bici

Nestes catro anos fomentamos o uso da bicicleta dun xeito seguro e duplicamos os quilómetros de carril bici na cidade. As obras permitiron mellorar os tramos xa construídos e estender a rede por Salgado Torres e Pablo Picasso, garantindo a conexión de Catro Camiños co Campus de Elviña; o tramo metropolitano, que une o centro da cidade coa ponte da Pasaxe; o treito entre A Palloza e Matogrande; e os da Rolda de Outeiro e San Roque de Fóra.

Así medra a rede de carril bici na cidade:

  • 2015: 17,3 km
  • 2018: 27,1 km
  • 2019: 34,8 km

Os datos de emprego do carril bici avalan o seu uso como opción de mobilidade no día a día: os máximos de afluencia son entre semana, con picos de uso de 1.300 pasos por Linares Rivas. O emprego de Bicicoruña esnaquizou o seu récord durante estes anos, xa que aumentou nun 47%. Tamén incrementou o número de persoas usuarias en máis dun 5% nos últimos catro anos.

Ademáis, o carril bici non só favorece ás ciclistas. Aló onde se construíu deixou melloras no espazo público, pacificou o tráfico e impediu que se aparque en dobre fila. Suma mobilidade sostible e coidados urbanos.

Peonalización da Cidade Vella e regulación das terrazas

Imos moito máis alá das promesas electorais: o 25 de xuño de 2018 fíxose efectiva a peonalización da Cidade Vella, unha medida para revitalizar o casco histórico da Coruña. Unha medida que moitos gobernos prometeron, pero que só a Marea Atlántica cumpriu.

Dentro do coidado do espazo público, o Goberno local púxolle tamén solución a unha realidade que non se abordara até agora: a regularización das terrazas na Pescaría. Das máis de 700 existentes en 2015, só 30 tiñan licenza. O proceso foi un éxito e hoxe é posible o tránsito da veciñanza polas rúas, que son accesibles e están preparadas para o paso dos vehículos de seguridade e emerxencias cando sexa preciso.

A seguridade viaria reforzouse no entorno dos centros de ensino da Coruña, grazas aos camiños escolares seguros. Fixéronse obras de mellora nas rutas cara distintos colexios e institutos,de acordo coa veciñanza. Un total de 14 centros da cidade participan no programa, que ten uns 52 quilómetros sinalizados ao longo de máis de 75 rutas.