As escolas infantís municipais serán gratuítas a partir de 2020. Un paso máis dentro de todo o avanzando este mandato, no que, na vez de recortar no ensino, a Marea apostou por programas contra o fracaso escolar, por garantir unha alimentación adecuada e por que calquera poida optar a unha bolsa de estudo no estranxeiro

As escolas infantís municipais da cidade serán gratuítas a partir de 2020. Así o anunciou o alcalde da Coruña e candidato á reelección pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, que tamén manifestou a súa intención de que a cidade conte con dous novos espazos para o ensino de 0 a 3 anos, que ademais compatibilizarán o seu uso co de centro de día, nunha aposta interxeracional. É un paso máis derivado do traballo realizado estes catro anos a prol dunha educación pública accesible e de calidade. É certo que os concellos teñen poucas competencias en materia educativa, pero tamén é certo que o que lle sobra á Marea é vontade para levar estas competencias ao límite.

Coa Marea, de novo, no goberno da Coruña, as escolas infantís municipais serán gratuítas. Non obstante, agora mesmo, a cidadanía xa goza dunhas rebaixas nas matrículas que se implantaron con Xulio Ferreiro como alcalde e que chegan até o 90%. O orzamento global en educación aumentou  un 15%. En tres anos duplicamos o investimento nas bolsas comedor, dos 700.000 euros que reservaba o PP ata os 1,5 millóns de euros actuais. Tamén puxemos en marcha un programa de comidas para asegurarnos de que as menores con máis dificultades manteñen unha correcta alimentación tamén nas etapas non lectivas. O ano pasado case 450 estudantes beneficiáronse deste plan. Apostamos por políticas que están nas antípodas do PP e que para o resto de gobernos na Coruña non pasaron de meras intencións.

Aínda que non era responsabilidade municipal, puxemos mans á obra para solventar as históricas eivas nos coles públicos da cidade. Queda por facer, pero o investimento neste mandato é de 2 millóns de euros. Unha cantidade histórica que serviu para levar a cabo 121 obras, entre as que destacan as novas cubertas dos centros Emilia Pardo Bazán (Os Rosais) e María Barbeito (O Ventorrillo), a ampliación do patio do Ramón de la Sagra (Elviña) ou o comedor de Labaca.

Con Xulio Ferreiro como alcalde, calquera alumna da cidade ten oportunidade de estudar no estranxeiro. O programa Junior Year, para pasar un curso escolar en Norteamérica, aumentou nun 85% a súa contía até os 650.000 euros. Tamén puxemos en marcha Idiomas do Mundo, que posibilita unha estancia en varios países de Europa. No reparto de bolsas, agora, tense en conta criterios de renda, para que aprender inglés no estranxeiro non sexa un privilexio reservado para as familias cos petos máis avultados.

A Coruña é unha cidade educadora, que non deixa a ninguén atrás. Cando falamos de educación, falamos de vidas, falamos de riqueza e de futuro. Por iso, foi este goberno local, e non outro, o que tamén decidiu poñer en marcha novos programas educativos destinados a evitar o fracaso escolar, como Poténciate, ou Ao meu xeito, que permitiu deseñar ás comunidades educativas accións a desenvolver nos colexios

A educación de calidade tamén debe incluír ás familias. A todas as familias. Por iso, puxemos en marcha, en colaboración coas ANPAs, programas educativos que favoreceron a conciliación, como os Campacoles ou Aberto ao Barrio, para abrir os patios dos centros educativos fóra de horario lectivo e que ano pasado beneficiou a 3.000 alumnas. O convenio co Federación de Nais de Alumnas aumentou un 30% até os 440.000 euros.

Recorda que, se queres saber máis sobre o feito, non tes máis que botar un ollo á nosa publicación Xente de Palabra.