A Marea Atlántica marcouse retos ambiciosos no ámbito do coidado do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e o benestar animal. Plantáronse máis de 1.500 novas árbores. Recuperáronse espazos, como a lagoa de Eirís, e protexéronse outros, como a contorna da Torre e as Illas de San Pedro. E elimináronse practicamente todos os vertidos incontrolados á ría. Todo isto, á vez que se poñían en marcha, por primeira vez, auténticas políticas de benestar animal.

Co vertido cero melloramos a saúde da ría e as praias

Nada máis chegar a María Pita puxemos en marcha un programa para evitar a emisión incontrolada de verteduras contaminantes á ría. Existían máis de 20 puntos negros, tanto públicos como privados, moitos deles localizados pero que nunca se atallaron. Agora estamos a piques de conseguir o obxectivo do vertido cero.
En 2015 había verteduras que ían directamente ao río Monelos e logo ao mar, o que afectaba especialmente ao areal de Oza. Froito do programa Vertido Cero, recuperamos a bandeira azul ao baño nesta praia, un recoñecemento que referenda os importantes beneficios ambientais das políticas de residuo cero, por máis que non sexan tan vistosas como as obras faraónicas doutros.

Máis árbores e bosques na cidade

A cidade precisa aumentar a extensión das zonas verdes para mellorar tamén a saúde da veciñanza. En 2015 o municipio estaba lonxe de acadar os parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) de árbores por habitante. Por iso en lanzamos o Plan de Expansión de Arborado, para incrementar nun 10% o número de exemplares da cidade. Desde entón, plantamos 1.500 novas árbores e cumprimos aquel desafío. O noso obxectivo é aumentar esta cifra, nos vindeiros catro anos, en 4.000 máis.
Agora contamos con proxectos para incrementar a superficie e a calidade das zonas verdes dunha cidade moi necesitada delas. Temos en marcha o proxecto do Bosque das Cinco Illas, unha grande área verde urbana no barrio dos Rosais que conectará co Monte de San Pedro pola ladeira sur. Este é o primeiro proxecto presentado dentro do programa Bosques da Coruña.

Neste marco, no último verán púxose en marcha en Feáns o proxecto do Bosque de Breogán. O Concello rexenerará unha zona verde degradada de 83.000 metros cadrados. Ademais, ten en marcha a Estratexia de Infraestrutura Verde, un proxecto estratéxico de modelo de cidade que sentará ás bases das vindeiras intervencións no espazo público.

Adeus aos herbicidas tóxicos

A Coruña é hoxe unha cidade libre de herbicidas tóxicos como o glifosato, unha substancia sinalada como canceríxena pola OMS, e cuxo uso reduciuse drasticamente nestes mandato. Faise respectar así a normativa estatal sobre uso de pesticidas en zonas urbanas, que antes se incumpría, á vez que se coida da saúde da veciñanza.

Fomento da educación e participación ambiental

Para ter unha cidade máis saudable e comprometida, o Concello reforzou a educación ambiental estable en comunidades educativas e outros colectivos durante todo o ano, ao tempo que se crearon novos programas de sensibilización, como Móllate!. O resultado é visible nos grandes eventos, nos que aumentou a cultura da reciclaxe: reducíronse significativamente os quilos de refugallos e introduciuse o ecovaso reutilizable. Ademais, lanzáronse cinco campañas de sensibilización sobre a separación de residuos, que chegaron a máis de 10.000 persoas o ano pasado, e iniciáronse dous proxectos de voluntariado ambiental e custodia do territorio.
No marco da promoción da educación ambiental, e a través dun proceso participativo, a veciñanza axudou a crear as ecohortas urbanas, destinadas ao cultivo ecolóxico de alimentos. A día de hoxe temos catro activas no parque de Carlos Casares, en Eirís, na Agra do Orzán e en Novo Mesoiro: 220 parcelas e 24 mesas de cultivo que se completan con seis proxectos educativos de entidades sen ánimo de lucro, e que involucran xa a unhas 400 persoas en menos de dous anos de traxectoria. As seguintes, xa en construción, faranse en Oza grazas a unha proposta dos Orzamentos Participativos, e sumarán outras 15 parcelas de cultivo.

Recuperación e protección da natureza

Grazas á Marea Atlántica recuperamos diferentes espazos fluviais. En Palavea presentamos o proxecto de recuperación ambiental e creación dunha senda na contorna do río Quintas. Tamén está en marcha a recuperación do río de Feáns, pendente de autorización da Xunta, e habilitamos espazos urbanos, como a lagoa de Eirís, que transformamos nun verdadeiro humidal onde xa se detectaron máis de 50 especies de aves.
Elaboramos o primeiro Mapa da Biodiversidade, un documento que identificou case 3.500 especies de flora e fauna que viven no noso municipio. Este catálogo, que permitirá elaborar medidas para a súa conservación, dá conta de máis de 600 especies na contorna natural máis próxima á Torre de Hércules. O Concello ten solicitado ante a Xunta o seu recoñecemento como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), a fin de poder establecer medidas específicas de protección. Esta declaración segue pendente da Xunta, ao igual que a das Illas de San Pedro. Nestes dous espazos aumentamos o programa de visitas guiadas gratuítas co obxectivo de achegar o patrimonio natural á cidadanía.

Unha cidade libre de maltrato animal

O benestar animal é un empeño moi importante deste goberno: A Coruña é unha cidade que coida tamén dos seu animais e a Marea Atlántica deu os pasos necesarios para mellorar a convivencia da cidadanía cos animais domésticos. No verán de 2015, declaramos A Coruña como Concello Libre de Maltrato Animal e retirámoslle o apoio á feira taurina que se sostiña con fondos públicos. Desde entón non se destinan recursos nin espazos públicos a espectáculos con animais como a Feira das Marabillas, por exemplo.
Reforzamos a Patrulla Verde, a unidade da Policía Local que se encarga de cuestións como a convivencia entre persoas e animais, e que está atenta a calquera caso de maltrato animal. Deixamos de exhibir animais en catividade, como os que estaban na paxareira de San Diego ou os parrulos de Santa Margarida, e fomentamos actividades de coñecemento de animais
en liberdade.

Tamén puxemos en marcha un plan para o control de colonias felinas, que derivou nos convenios coas entidades animalistas. Este programa de xestión recoñece o labor das persoas voluntarias á vez que mellora as condicións sanitarias dos animais. Hoxe en día, A Falperra, Santa Margarida, o Barrio das Flores, Oza, a Cidade Escolar, Visma, Os Rosais, o Dique de Abrigo e Monte Alto contan con colonias controladas.

Sacrificio cero e máis e mellores áreas caninas

Nestes catro anos habilitamos espazos para a convivencia entre persoas e mascotas, como as grandes áreas caninas de Eirís, Bens e Visma, parque no que tamén se puxo en marcha unha zona de convivencia.
Tamén rehabilitamos os espazos que existían en Santa Margarida, Novo Mesoiro e Barrio das Flores, e puxemos especial énfase na concienciación das persoas propietarias coa campaña “O teu can di moito de ti”.
Neste tempo desenvolvemos cinco campañas para o fomento da adopción e, ademais, melloramos de forma notable o Centro de Acollida Animal cun gran resultado, xa que se incrementaron as adopcións desde 2015, chegando ás 393 no 2018.
Desde que está a Marea Atlántica, na Coruña reduciuse o sacrificio animal ata acadar o sacrificio cero. Resérvase unicamente a casos nos que impera un rigoroso criterio de saúde pública. En canto ás aves urbanas, por primeira vez, o Concello presta unha atención de 24 horas na recollida de exemplares feridos.

En base a todas estas políticas, o Concello ten recibido galardóns que acreditan o fondo compromiso do goberno local coas políticas de benestar animal, como o Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber ou o galardón recibido no V Seminario Sobre Xestión Policial da Diversidade polo labor en materia de protección animal.


Queres saber máis? Descarga o PDF