O alcalde ofrecerá dous mitins esta tarde no Parque de Eirís (18.30h) e na Praza de Tabacos (19.45h), onde reivindicará que “se fomos capaces de facer que a ilusión e a confianza cambiasen de bando, o vindeiro domingo, todas xuntas, faremos que a indecisión cambie de bando para que o futuro tamén o faga”

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, avanzou esta mañá que a Marea Atlántica celebrará o peche de campaña o vindeiro venres, 24 de maio, no Campo da Leña. Será nun grande acto que comezará contra ás 20 horas e no que o primeiro edil evidenciará os motivos polos que “a Marea é a única formación que concorre ás eleccións municipais cun modelo de cidade, falando da cidade e defendendo os seus intereses”. O rexedor quixo recordar aos coruñeses e ás coruñesas a importancia de que, nos vindeiros comicios, a veciñanza aposte por quen goberna pensando no beneficio da cidadanía e non no do seu partido. “O pasado 28 de abril votamos para parar á dereita máis salvaxe dos últimos 40 anos. O 26 de maio votamos pola Coruña, polo futuro da Coruña para as próxima catro décadas”, dixo.

Durante un debate radiofónico celebrado esta mañá en Onda Cero, Xulio manifestou que “hai catro anos, cando a Marea Atlántica chegou a María Pita, mudaron moitas cousas”. “Pasamos de ser unha cidade líder en corrupción, unha cidade na que uns poucos se repartían todo e na que os proxectos se pintaban en servilletas nuns reservados a poñer ás persoas no centro, a poñer os vimbios para conformar a gran capital das persoas”, dixo, para recordar que “coa Marea, A Coruña converteuse na primeira cidade de Galicia en gasto social por habitante, por enriba dos 105 euros”. Neste punto, recordou actuacións que se porán en marcha o vindeiro mandato e que darán continuidade á transformación da cidade. “Falo da creación de dúas novas escolas infantís, da gratuidade no ensino de 0 a 3 anos, da fin das listas de espera no servizo de axuda a domicilio ou da creación dunha comercializadora eléctrica que impida que a ningunha persoa se lle poida cortar a luz nesta cidade por non ter cartos, cousa que xa estamos a garantir agora mediante outras fórmulas, como acordos coas empresas”, apuntou.

Compromiso coa Coruña

O primeiro edil solicitou aos votantes e ás votantes coruñesas que o vindeiro domingo pensen quen é quen na cidade da Coruña e quen está a amosar compromiso coas necesidades das veciñanza. “O 26 de maio temos eleccións. Unhas eleccións que se disputan na Coruña e só na Coruña. Debemos escoller entre seguir adiante cun modelo de cidade inclusiva, sostible e innovadora, unha cidade de dereitos e oportunidades para a maioría, ou regresar aos tempos en que a cidade era, sobre todo para uns poucos, un modelo de negocio”, alertou.

“Se tes o teu voto decidido, recorda: a nós, á xente da Marea, nunca nos regalaron nada. O noso poder é o poder da xente. O vindeiro domingo podes ser protagonista. Cada voto conta e cada voto é necesario para evitar volver atrás. Se, por contra, aínda non tes o teu voto decidido, recorda quen é quen nesta cidade, que intereses representan uns e que intereses representamos outros, onde estaban os que agora se presentan como se fosen novos”, especificou.

“Falan de compromiso coa cidade. Cal foi o compromiso dos gobernos do PP e do PSOE co porto da Coruña? Por que se condona a débeda do porto de Valencia pero non o da nosa cidade? Onde está o compromiso coa ría do Burgo ou cos traballadores de Alcoa?”, preguntouse ao longo do debate.

Mitin en Eirís e Fábrica de Tabacos

De cara á tarde, Xulio protagonizará dous encontros coa veciñanza na cúpula de Eirís (18.30 horas) e na Praza de Tabacos (19.45 horas). O alcalde evidenciou a necesidade de facer unha campaña “como a que non están a facer o resto”, con actos coa xente. “A Marea Atlántica non se esconde detrás de ninguén. Temos que ir ao encontro da xente. Temos que darlle razóns e emocións para volver confiar en nós. Todo o avanzando estes catro anos non pode ser en balde. Fixemos cousas máis difíciles xuntos e xuntas e o faremos de novo. Fixemos que o medo cambiase de bando. Fixemos que a ilusión e a confianza cambiasen de bando. Fagamos agora que a indecisión cambie de bando para o que o futuro tamén o faga”, manifestou.

Por outro, en ambos eventos repasará as actuacións previstas no vindeiro mandato para estes barrios. “Co goberno da Marea, Eirís contará, por fin, cun campo de fútbol homologado e en condicións”, comenta o alcalde, que recorda que as demoras na execución deste proxecto derivaron da aparición de restos arqueolóxicos. O programa electoral tamén contempla a rehabilitación das fontes tradicionais así como a instalación dun nova estación de BiciCoruña. “Queremos seguir avanzando na conformación de Eirís como barrio de saúde e coidados”, di o responsable municipal, que recorda que, neste mandato, o Concello cedeu á Xunta de Galicia os terreos precisos para construír unha residencia para maiores no barrio. “Melloraremos tamén a comunicación da contorna, coa rehabilitación da avenida de Monelos e coa rúa Camilo Veiras”, apuntou. Ademais, tanto Eiris como Monelos beneficiaranse nos vindeiros catro anos das actuacións e os novos equipamentos que se proxectan no Ofimático e que inclúen unha nova escola infantil e un pavillón deportivo, así como promocións de vivenda social.

Na Praza de Tabacos, Ferreiro avanzará tamén algúns dos proxectos previstos para o barrio e a súa contorna no vindeiro mandato e que incidirán na renovación do espazo público. Así, dará conta da renovación prevista na rúa Ramón y Cajal, na que se levará a cabo unha intervención integral para transformala nun bulevar. En cada un dos extremos da rúa haberá glorietas para regular e da maior fluidez ao tráfico de vehículos e tamén para incorporar o carril bici e continuar apostando por unha nova mobilidade sostible cuxa rede aumentará ata os 60 quilómetros nos próximos catro anos. Na zona, a rede crecerá por Fernández Latorre ata a intersección con Alcalde Marchesi. O alcalde e candidato á alcaldía explicará tamén outros proxectos como a renovación da rúa Puga y Parga e a reurbanización e peonalización da rúa Mariscal Pardo de Cela.

No apartado de equipamentos, a Marea Atlántica creará un pavillón en Catro Camiños, especialmente dirixido á mocidade, e tamén unha pista para a práctica do skate baixo o viaduto de San Pedro de Mezonzo. O centro escolar San Francisco Xabier tamén contará cunha pista deportiva cuberta no vindeiro mandato, dentro do compromiso amosado nos anos pasados pola Marea Atlántica de investir no mantemento dos centros escolares da cidade, abandonados durante décadas. Por último, Ferreiro dará conta da creación de tres grandes Centros de Atención Integral á Cidadanía, as Xanelas Únicas. Unha delas estará situada no novo edificio administrativo da antiga Fábrica de Tabacos e contará cun rexistro.