O alcalde, Xulio Ferreiro, mantivo un encontro con veciños e veciñas da Cidade Vella, aos que lles trasladou o Plan de Dinamización do barrio para os vindeiros catro anos

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, participou esta tarde nun encontro con veciñanza da Cidade Vella, á que lle presentou algunhas das principais liñas de actuacións do goberno da Marea Atlántica a implementar no vindeiro mandato dentro do Plan de Revitalización que ten en marcha para esta zona. “Logo da peonalización da Cidade Vella e da rehabilitación de distintas rúas, como é o caso da Maestranza, temos que seguir adiante, poñendo os vimbios para que o casco antigo da cidade sexa un espazo acolledor, vivible e de xeración e impulso económico”, explicou o primeiro edil, quen recordou que as medidas propostas xa foron contrastadas coa veciñanza e os sectores representados na Mesa da Cidade Vella. “A rehabilitación debe continuar. Temos en marcha distintos proxectos que pasan por dotar de máis equipamentos para a veciñanza o barrio”, comentou Xulio, quen destacou o proxecto para a antiga casa da Veeduría. “Queremos recuperar este equipamento e facer del un espazo polivalente. Albergará un proxecto tan importante como o da Casa das Mulleres Marcela e Elisa, espazo que acollerá tanto dependencias como o Centro de Información a Muller (CIM) ou o Espazo Diverso para os colectivos LGTBQI e a Escola de Empoderamento Feminista”, expuxo.

A Veeduría tamén quedaría en condicións para albergar un espazo de Accións Urbanas Innovadoras. “O goberno da Marea Atlántica está, unha vez máis, optando a un proxecto europeo do que xa pasamos a primeira fase que nos axudará a poñer en marcha un proxecto destinado a habilitar un espazo especialmente destinado á persoas maiores”, comentou. “Este espazo contaría cunha gran cociña comunitaria e estaría ligado á gastronomía”, comentou. O terceiro espazo que se plantexa no espazo da Veeduría é a creación dun hub tecnolóxico, iniciativa que está en estudo, e que estaría liderada polo Concello en colaboración coa Cámara de Comercio. “A Cidade Vella non pode desenvolverse á marxe da cidade. Se é importante lograr mudar o modelo económico, para o que a innovación e o proxecto da Cidade das TIC é fundamental, tamén é necesario que este barrio da cidade non quede descolgado”, apuntou. Este espazo encamiñarase ao emprendemento colaborativo e a xeración de ideas neste ámbito, “que supoñen un impacto tecnolóxico e de innovación social e cultural”, indicou.

Naves do Metrosidero

Ferreiro continuou dando a coñecer algunha das propostas previstas no plan de goberno da Marea Atlántica para revitalizar a Cidade Vella e a súa contorna, como é a segunda fase de actuación na antiga Comandancia. “Á restauración das Naves do Metrosidero, que vai ser un gran espazo que vai a atraer á mocidade da cidade e da área metropolitana cara a este barrio, vaille seguir a posta en marcha dun albergue xuvenil na antiga nave dos oficiais e se vai a rehabilitar a nave principal como un espazo polivalente, cuberto e de uso público”, explicou. Tamén se continuarán as obras para facer todo o espazo accesible e para conectar, salvando a altura, as propias naves co Paseo Marítimo.

O terceiro dos proxectos que avanzou o alcalde e candidato á reelección foi a dotación dun uso hoteleiro para o edificio de Defensa que, previsiblemente, quedará sen uso, “para impulsar o papel relevante que a Cidade Vella está chamada a desenvolver como foco do turismo na cidade”. Neste ámbito, Xulio, que estivo acompañado polos concelleiros e candidatos Xiao Varela e Alberto Lema, indicou que esta medida se acompaña doutras como a renovación da sinalización ou a edición dunha nova guía turística que xa está publicada. O concelleiro e número 5 da lista presentou tamén algunha das propostas concretas para o comercio no barrio, ademais das que se aplicarán de maneira xeral para este sector no conxunto da cidade, como pode ser a posta en marcha dun traballo que reforce a identidade comercial da zona, cunha rotulación harmonizada e unha programación de dinamización coordinada.